Ensaio preciso

Ramón Nicolás

FUGAS

O profesor Lucio Martínez  interpreta, desde as instancias do rigor e da investigación arquivística, un dos capítulos menos transitados da nosa historia recente como é o control social no primeiro franquismo

20 mar 2015 . Actualizado a las 20:17 h.

O crítico e filósofo Walter Benjamin escribiu nunha ocasión que articular o pasado historicamente non significaba recoñecelo "tal e como foi", máis ben supuña apoderarse dunha lembranza, adxectivándoa moi literariamente como aquela "que lampexa no instante dun perigo". Quen dubida que os perigos latexantes hoxe son moitos, algúns derivados de certas prácticas negacionistas respecto do que sucedeu, e aínda máis se os feitos históricos son recentes. Neste sentido o profesor Lucio Martínez reacciona diante destas dinámicas e faino coa publicación dun voluminoso ensaio que resulta clarificador e incorpora conclusións desacougantes respecto do control social que se exerceu nos primeiros anos da ditadura. É un libro que fala, explicitamente, do medo e de como este se estendeu en amplas capas da poboación.

O libro exhíbe, de seu, un traballo case oceánico no que se refire ás fontes hemerográficas e documentais consultadas, en especial no que atinxe á intensa esculca arquivística realizada, sendo igualmente meritorio o salientable diálogo que se mantén con respecto a outras achegas bibliográficas previas. Constrúese, así, un ensaio rigoroso centrado en realidades constatadas documentalmente que afectan á depuración do corpo de docentes, ao que se deriva das célebres comisións de incautación e responsabilidades políticas e aos efectos reais que proxectou a persecución da masonería.

Páxinas precisas para afondar nos problemas que a memoria e a historia suscitan; páxinas suxestivas para dialogar co abondoso corpus literario galego que tocou este tema, nacido igualmente da historia e da memoria. 

Medo político e social na retagarda franquistaLucio Martínez Pereda. Ensaio. Xerais. 496 páxinas. 22 euros