Na cerna da memoria

Galardoado co Carvalho Calero de narrativa, velaquí un suxestivo libro de relatos que se asoma ás ventás interiores da mente humana: Á busca da orixe perdida das especies, de Cristina Pavón


Hai voces que exhíben, na construción técnica do relato, unha habilidade que leva a resultados salientables aínda que as veces carentes de alma. Fariña doutra muiñada é atopar a inspiración para dar cunha temática que arrastre o interese de quen le e que nela se deiten as cumpridas doses de intensidade emocional. Este é o caso, ao meu ver, do libro que Cris Pavón dá a coñecer estes días e que, talvez pola miña querenza polos asuntos da memoria e da identidade, non dubido en cualificar como fascinante.

Pavón, que publicou hai pouco Sangue 12 e que verá publicada en papel este ano, tamén en Urco Editora, a que foi a súa primeira novela (Limiar de conciencia) de peripecia editorial curiosa, unifica os máis dos relatos deste libro arredor do eixo da memoria, como esta inflúe nas persoas e como determina a conformación da propia identidade, onde o pasado se converte en máis que un impacto, tanto veces un verdadeiro tsunami. 

Articular estes motivos en cinco relatos, todos eles distintos, non é doado e Pavón supera con nota o reto: nun atopamos unha máquina chamada Proust, que se adentra na recuperación da memoria beireando un discurso próximo á ciencia-ficción, relato que se dá a man co derradeiro polo ton meta-literario, no que a xeito de ensaio, ou se se quere de notas para a elaborar un conto, xúntase a Proust e a Darwin desde instancias biográficas e creativas converxentes. Nos contos que van polo medio,  levados tamén da man de protagonistas femininas, dotados de finais brillantes e sorprendentes, as primeiras procuran os seus propios espazos na evocación de episodios que, dalgún xeito, esnaquizan as súas vidas, tantas veces sen sabelo.

Votación
6 votos