Un viaxe para nos entender

Ramón Nicolás

FUGAS

Óscar Vázquez

O historiador López Carreira ofrece un suxestivo e divulgativo ensaio no que se articula unha revisión histórica de Galicia desde a óptica singular que ofrece o río Miño 

20 feb 2015 . Actualizado a las 04:55 h.

Segue a deitar sorpresas a colección Libro X que hai algún tempo puxo en circulación Edicións Xerais. En O Miño. Un caudal de historia transita a intención dun historiador e divulgador de longa experiencia, como é Anselmo López Carreira, de debruzarse en diversas dimensións do noso pasado, utilizando un suxeito para a narración ben diferente do que os libros destas características adoitan ofrecer e que é, como o seu título sinala, o río Miño. O percorrido que se ofrece, claro é, devén histórico mais tamén repara en moitos dos acontecementos que se proxectan na Galicia de arestora, isto é, como está configurada a través dos espazos físicos, mais tamén a través das pegadas que deixou a arte, o pensamento, as diversas doutrinas ideolóxicas, a economía, a onomástica, a literatura, a arquitectura ou os movementos sociais e políticos entre outros elementos, aplicando un proceso que desmitifica moitos deles, matizando algúns outros.
Así pois, vertebra a nosa historia o río Miño? Este libro confirma que si e faino inspirándose nunha concepción da historia como «elemento de cohesión social», optando por unha narración de carácter transversal, argumentada con brillantez e enchoupada dunha inequívoca vontade divulgativa.
A adopción dun rexistro expresivo pouco críptico e fluído, apelando en ocasións ao memorialístico e persoal,  fai  que se articule unha lectura destinada a un público amplo, cuns contidos dispostos á mantenta sen orde cronolóxica e que se anoan con tino mercé a acumulación de pequenas secuencias para agasallarnos, en definitiva, cunha viaxe que axuda a nos entender.

O Miño. Un caudal de historia
Ensaio. Anselmo López Carreira. Xerais. 248 páxinas. 12,50 euros