«Custounos máis o título que o disco»

FUGAS

O cuarteto de arpistas Lulavai presenta mañá en Vigo o seu segundo traballo discográfico, Lémbrame un soño, no que manteñen o seu son característico, agora con máis composicións propias

30 ene 2015 . Actualizado a las 20:23 h.

Lorena Reinaldo (Ourense, 1978) destaca que o novo traballo de Lulavai, a formación de catro arpas e catro voces que integra xunto con Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz, é «máis persoal». Levan oito anos xuntas, tras coñecerse na orquestra Sondeseu e presentan mañá Lémbrame un soño.
 

-¿Que imos encontrar nel?
-O anterior levaba máis temas tradicionais, arranxados por nós e neste hai composicións propias, aínda que hai tamén un tema tradicional galego, unha nana vasca e unha pandeirada para darlle un toque distinto.
 

-¿Como xustifican esta nova proposta?
-Custounos máis o título que facer o disco. O título suxeríunolo un amigo portugués dunha canción do cantautor Fausto, porque di que a nosa música evócalle o mundo dos soños e porque a música das arpas coas voces lévate a unha atmosfera onírica.
 

-¿Por que agora?

-Pasaron bastante anos do anterior aínda que non quixeramos que pasasen tantos. Fomos nais as catro, e algunha repetindo, e compatibilizalo cos traballos non é doado. O grupo sempre seguiu tocando, pero tardamos un pouco máis do que nos gustaría en gravar o disco.

-É unha formación cando menos singular.
-A arpa non é o instrumento máis popular que nos rodea aínda que tivo tradición en Galicia ata a Idade Media, había arpas, e nas catedrais arpistas, pero deixou de ser un instrumento popular.
 

-¿Que tal é a receptividade do público?
-Non somos un grupo de masas, pero temos más xente en Portugal ca en Galicia. Neste caso ninguén é profeta na súa terra. En Portugal temos máis acollida e temos tocado moito. Penso que aprecian o que facemos. Aquí levamos un pouco de retraso nese aspecto. Igual a xente aquí está apostando por outros instrumentos, non sei cal é o motivo, pero a situación duns anos a esta parte é complicada para todos.
 

-¿Levan ben a loxística?
-Non é moi doado, pero xa temos transportado catro arpas e catro persoas nun só coche. Ocupan e pesan o seu, pero é o que ten escoller un instrumento destas características.