Claro José Sendón: brazo e cerebro

Pepe Sendón reconstrúe en «Falando claro», libro ameno e moi documentado, a traxectoria de Claro José Sendón (1897-1937): un anarcosindicalista galego de intensa, comprometida e axitada vida

.

Que o coñecemento da Historia ofrece «historias» fascinantes confírmao este libro de Pepe Sendón. Aínda máis cando se rescata o perfil biográfico dun deses personaxes que o tempo axudou a enterrar e a sepultar no esquecemento.
«A memoria dos libertarios parecía enterrada na infamia», afirma o autor deste libro e, para recuperala, xoga cun caudal informativo que bebe tanto da memoria familiar, que permitiu inicialmente tirar do fío, como dun proceso de investigación intenso que se soubo harmonizar coa adopción dun discurso expositivo ameno e fluído.

.


Con estes vimbios, deitando unha completa ollada contextual ao obreirismo da Galicia dos primeiros anos do século XX e ao movemento anarquista internacional, é como se revelan os perfís máis salientables deste anarcosindicalista muradán que, na súa curta vida, percorreu camiños que o conduciron da súa vila natal a Buenos Aires e, desde aí, a diversas cidades dos Estados Unidos ata vivir os intensos anos do período republicano e os primeiros meses da guerra de civil entre Galicia, Madrid, Marrocos ou Valencia. Á presenza e ás actividades desenvoltas en todos estes lugares ?velaí as dificultades dos anos bonaerenses, o papel clave no sindicalismo anarquista, a crenza no papel mobilizador da prensa, a vinculación con Federica Montseny ou a relación política con Castelao en Valencia, por só citar algunhas? séguelle a pista o biógrafo dialogando con diversos textos conservados de Sendo Lamela, entre os que salientan as brillantes e estarrecedoras crónicas que subscribiu sobre as consecuencias do crack do 29 ou as da propia guerra civil. Ao meu ver, un meritorio traballo que, por suposto, convido a coñecer.

Votación
3 votos
Comentarios