A ignorancia dos nosos representantes públicos

Xosé M. Pérez Bouza

FIRMAS

20 feb 2014 . Actualizado a las 06:00 h.

Aignorancia dalgúns representantes públicos resulta preocupante. Dende hai anos non existe a posibilidade de solicitar a declaración de «zona catastrófica» por danos producidos por fenómenos naturais adversos. Sen embargo, cada vez que na nosa provincia se produce un incendio de grandes dimensións ou, como está pasando, as intensas choivas deterioran infraestruturas públicas ou bens privados, aos nosos representantes non se lles ocorre mellor idea que solicitar a declaración, e con iso xa se senten realizados e felices.

Nos últimos días saíu o alcalde de Xinzo anunciando a bombo e platillo que ía levar unha moción ao pleno pedindo que o seu concello sexa declarado zona catastrófica. Días despois os portavoces dos tres grupos con representación na Deputación, PP, PSOE e BNG, seguen contribuíndo coa súa ignorancia a esta farsa e tamén acordan unha proposta solicitando o mesmo. ¿Como é posible tanta ignorancia nos nosos representantes públicos de tódolos partidos? ¿Como é posible que os secretarios destas institucións non lles advirtan que están tomando un acordo que é nulo de pleno dereito por demandar algo que non existe?

A ver se se enteran dunha vez, que dende o ano 2005 que se aprobou o Real Decreto 307/2005, de 18 de marzo, polo que se regulan as subvencións en atención a determinadas necesidades derivadas de situación de emerxencia ou de natureza catastrófica, e se establece o procedemento para a súa concesión, non existe a posibilidade de pedir a declaración de zona catastrófica.

Eu recoméndolle que deixen de facer o ridículo e de perder o tempo en declaracións que, ademais de non seren legais, non valen para nada, e que lle esixan á Xunta unha valoración inmediata dos danos; e unha liña de axudas directas para contribuír na medida do posible a paliar as perdas. No caso da Limia, deberían esixirlle á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Consellería do Medio Rural, un plan de actuacións para executar no vindeiro verán de limpeza do leito dos ríos, regatos e canles de drenaxe, para que unha vez limpos faciliten a evacuación da auga acumulada nas parcelas, auga que está danando os cultivos de inverno e impedindo as labores previas á sementeira dos de verán.