«Airiños deulle á miña vida moito máis do que eu lle tería pedido a ninguén»

XESÚS SANTOS

FIRMAS

LEANDRO

A súa melena ondea polo escenario como bandeira no campo de batalla

31 may 2013 . Actualizado a las 00:55 h.

No Centro Cultural Simón Varela de Asados celebra Airiños o primeiro ensaio do ano 2013. Con 80 anos de vida é o colectivo teatral de Galicia máis numeroso e lonxevo (24 actores dende 10 a 80 anos) comandado pola máis nova e xovial directora: María Esther Fernández Carrodeguas que, no sucesivo, será sther f. carrodeguas. «Ah, e todo con minúsculas. Sonche atravesada, eh!». (Antes de nada cómpre aclarar que as risadas son parte do seu carácter histriónico ) Unha activista da escena, que escribe o seu nome con minúsculas, aínda que o rubrica no taboado con maiúsculas. Pero, como a versatilidade é unha condición indispensable nunha boa artista, tamén a teño visto co pelo recolleito, revestida de serenidade helénica, talmente pitonisa de Delfos ou Gracia de Talía. Esta é a grandeza dunha artista integral.

-A convivencia de tres xeracións de actores?

-Pois é para min unha experiencia ben fermosa. No último ensaio ver xente tan diversa bailando a versión heavy de Lela, foi incrible. Eu creo que precisamente é iso o que fai que a enerxía estea sempre aí. Non é unha experiencia endogámica, é orgánica: está viva. Airiños é un grupo moi especial.

-Prioridades?

-Home, a voz é un elemento imprescindible no teatro, pero a improvisación tamén é prioritaria. Todos improvisamos día tras día... de repente aparece polo bar unha persoa que che gusta, automaticamente vas ao baño, pintas a raia do ollo, sobes un pouco a saia, saes e tropezas con el: ¡ai, canto tempo! e ti por aquí? (Cautivado pola súa pose sedutora, interactúo facendo o papel de pipiolo). En cambio prefiro traballar máis a confianza que a memoria. Opero dende o humor, porque eu son pallaso de vocación, non de profesión: ata teño o pelo de natural, só me falta o nariz vermello ¡ha ha ha! (Sonora gargallada, acompañada de xestos preciosos, por precisos. Había que vela!).

-Teatro expréss?

-Para o meu carácter creativo, o teatro expréss vaime moi ben, xa que en realidade o que máis disfruto é ese momento no que se está construíndo todo; no que medra unha historia como unha planta, pouco a pouco, e ves como sae a flor... Ese momento é máxico.

-Premios 2012. Proxectos 2013?

-Airiños deume a oportunidade de representalos na recollida dos ?Premios Meliâ Recoletos? dos ?Amigos del Teatro de Valladolid?. Foi unha gala marabillosa na que me sentín un pouco descolocada, primeiro por ser unha das últimas incorporacións ao grupo, e en segundo lugar porque pensei: ¿que fai unha rapaza coma min nun hotel coma este? (Ai, muller! Pois ?darñe? un toque de ghracia rianxeira, que eu vin como campabas la mar de ben entre artistas da talla de Silvia Marsó e José Sacristán, vale?)

-O premio da Cultura ás Artes Escénicas 2012?

-Vaia sorpresa! Normalmente non me chaman os conselleiros, que queres que che diga! Foi unha alegría moi grande sentirme partícipe de algo así. En todo caso, ambos premios caeron moi repartidos; tan repartidos que tiñan participacións todos os veciños de Asados e parte de Rianxo, Araño, Taragoña...

-Actriz ou directora?

-Hai pouco que me din conta de que en realidade, a pesar de que o momento de comunicación co público é un dos mellores da vida... gústame máis dirixir. Pero non llo digas a ninguén. (Non che prometo nada, stheriña).

-Satisfeita do traballo?

-(A satisfacción maniféstase co sorriso en flor) Moito! Facemos tantas cousas que mesmo me sorprendo. O ano pasado, traballamos nunha ducia de proxectos diferentes. E para este ano xa teño unha idea: a de facer unha creación colectiva a partir da propia historia do grupo; e con iso imos traballar: coa sorpresa, co misterio, co xogo do teatro. Moita música sobre todo! E o que faga falta, incluso... ¿Streaptease? quen sabe! (Comigo non contes, ghuapa).

-Unha Escola Dramática en Rianxo delegada da UNED?

-Se queres que che conte un segredo... Creo que Rianxo merece unha boa Escola de Teatro. Non cho dixen antes, pero esa pode ser unha das miñas aspiracións. (E nós que o vexamos).

Son horas de facer mutis polo foro, para continuar os «ensaios dos venres» no reservado da cafetería Atalaia, onde o elenco improvisa e sobreacúua, sen guion previo nin medo escénico.

-A propósito como subsiste unha vexetariana de tan boa planta no medio dunha «troupe» tan dada a encarnar?

-Eu ben sei que vós estades desexando que no bar nos poñan tapas de xamón serrano para verme pasar fame... mentres comedes a miña ración. (Pano rápido e risas entre bambalinas).

ILUSTRACIÓN LEANDRO