«É imprescindible unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos»

La Voz

FIRMAS

19 ago 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

A situación dos ríos, a contaminación dos mesmos e os vertidos, é quizais un dos temas ambientais máis preocupantes na provincia. Desde a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) séguese con interese a súa situación.

-Na páxina web da SGHN, todos os días 5 de cada mes -en alusión ao 5 de xuño, día do Medio Ambiente- colgamos unha reseña que pretende resaltar os problemas do noso medio natural e que nos anima a traballar pola conservación todos os días do ano. Precisamente, o tema do mes de agosto é a auga e na entrada da web enuméranse as fortes presións que están a recibir os ecosistemas acuáticos: aproveitamento hidroeléctrico abusivo, extracción excesiva de augas para regadío, despilfarro de auga para uso doméstico e industrial, depuración insuficiente, contaminación agro-gandeira -con efectos visibles en Ourense sobre os encoros de As Conchas ou Cachamuíña, por exemplo- ou construción de infraestruturas innecesarias e prexudiciais como paseos fluviais, portos deportivos, canles, entre outros moitos.

-É responsabilidade de todos.

-Como salientamos é imprescindíbel unha mudanza radical na xestión dos recursos hídricos para mellorar a calidade ecolóxica das augas continentais e litorais mediante a diminución do consumo e unha axeitada depuración. É responsabilidade de todos, da administración e da cidadanía, o uso sustentable deste fluído vital para a vida.