A utopía posible

FIRMAS

20 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Supoño que hoxe en día, se alguén expresa a idea de abrir unha vía de ferrocarril desde a fronteira francesa, percorrendo todo o Cantábrico ata os portos exteriores de O Ferrol e A Coruña, baixando incluso ata Ribeira, Marín e Vigo, para darlle comunicación terrestre á fachada atlántica, non sería tratado como un iluso. Calquera pode ver en tal proxecto unha posible canle de prosperidade, e quen máis e quen menos apoiaríaa como factible e ata botaría as contas da leiteira, imaxinándose como nesta Fisterra que ocupamos poderíamos ter o grande porto lanzadeira de Europa para o resto do mundo; ou se se prefire, para fuxir de localismos, un grande multiporto unido con vías de alta velocidade. Pode, tamén, que alguén o criticase como algo ilusorio e incluso non faltaría quen dixese que non era o momento ou que os franceses ou os ingleses poderían copiar a idea para competir con nós, e como nós somos como somos, levaríamos a de perder. Certo tamén que non ían escasear os agoireiros que ante tal proposta transformasen a súa dúbida nun rotundo non, nunha negativa a toda posibilidade de éxito coma quen dubida da capacidade dun neno en idade escolar. O peor que nos pode pasar é non crer en nós mesmos.

Pois esta proposta, que en época de crise pode parecer de difícil realización, xa foi formulada nos felices anos vinte por don Valentín Paz Andrade, que si cría en nós e en Galicia; e por facela, o goberno de Primo de Rivera meteuno na cadea; só por expor nun artigo a posibilidade de construír unha liña férrea entre Irún e Galicia, co fin de que as mercadorías de Europa pasasen polos nosos portos rumbo a todo o mundo, e como naquel momento o goberno da nación estaba fomentando a creación dun enlace coa meseta, para facilitar a viaxe de veraneantes que viñan a tomar as augas e dos segadores a Castela, tratárono de opositor e mandárono ó trullo.

Paz Andrade non era un iluso que soltase palabras ó vento, senón unha persoa que, desde a época de estudante aprendeu a escoitar, preguntar e expoñer as súas teses con sólidos argumentos, e así, cando sae da cadea, por mor do citado artigo sobre o tren, non tarda dous anos en viaxar á Bretaña e volver coa idea de propoñer a promoción de Vigo como o grande porto pesqueiro do Atlántico, unha idea revolucionaria para un país pequeno, que os dirixentes políticos aínda hoxe non entenden.

Don Valentín era un home atento ás cousas do mar, fose con proposicións empresariais ou a través de artigos de prensa, do fomento de publicacións especializadas sobre a pesca e de moitas viaxes de aprendizaxe ou de participación en congresos e foros internacionais.

Sempre atento ó que se facía noutros países, toma a idea de preparar o peixe para a súa comercialización nos mesmos buques pesqueiros, convertendo os barcos en factorías, impulsando a creación de Pescanova, a empresa que durante anos foi o buque insignia da economía galega.

Hoxe, ninguén aposta se non é sobre seguro. E o maior mérito daquel home, a quen este ano homenaxeamos como poeta que foi, é que a el non lle faltaba perspectiva nin ilusión polo futuro.