«O primeiro para educar en igualdade é dar bo exemplo»

A psicóloga Ana Torres ofrece claves para romper cos estereotipos no libro «Máis alá do azul e do rosa»


Venres • Casa da Xuventude de San Sadurniño • 18.00 horas •

A psicóloga Ana Torres Jack traballa como orientadora nun instituto e leva vinte anos colaborando en La Voz de la Escuela. En novembro de 2015 publicou neste suplemento educativo de La Voz de Galicia un artigo titulado Quéroche só pra min, no que poñía o aceno nos comportamentos machistas dos adolescentes. «O actual director da Editorial Galaxia, Francisco Castro, que e unha persoa con moita sensibilidade cara a este tema, leuno e ese mesmo día chamoume por teléfono e preguntoume se me atrevería a escribir un libro para pais e nais sobre a educación en igualdade», rememora Torres. O resultado foi Máis alá do azul e do rosa, o libro que a psicóloga presenta este venres en San Sadurniño.

 -¿Seica a igualdade só existe sobre o papel?

-O feito de que as mulleres cobren de media un 23% menos de soldo, que se vexan obrigadas a adicar ás tarefas domésticas dúas horas diarias máis que os homes ou que na inmensa maioría dos casos sexan as que se encargan de coidar ás persoas dependentes son cifras que non falan de igualdade. Por non nomear as cerca de 900 mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas nos últimos 14 anos... Así que a igualdade, en España, existe só a nivel legal. En consecuencia, non educamos igual aos nenos e as nenas: dende que son bebés o xeito de falarlles, os xoguetes, a indumentaria… son diferentes. Como tamén o son as imaxes que reciben do modelo de home e de muller dende os medios. Elas sempre cousificadas, fermosas e hipersexualizadas. Eles fortes, intelixentes e protectores.

-¿Que poden facer os pais para educar en igualdade?

-O primeiro e máis importante que debemos facer como pais e nais é ofrecer un bo exemplo en canto a reparto de tarefas, responsabilidades ou tomas de decisións. Porque máis que coas nosas palabras transmitimos valores cos feitos, que é o que lles quedará gravado para sempre. Tamén é necesario ofrecerlles as mesmas oportunidades de aprendizaxe e de elección en canto a xogos e xoguetes, deportes, responsabilidades… E por último eu destacaría a necesidade de ser críticos con nós mesmos e transmitirlles a importancia do pensamento crítico. Por exemplo, ensinándolles a detectar o sexismo nos medios de comunicación, nos anuncios, nas cancións de moda…

-Vostede traballa como orientadora nun instituto. ¿Ten detectado condutas machistas entre os adolescentes?

-Pois por desgraza si. Sobre todo actitudes paternalistas e controladoras, no que o mozo lle indica á moza como debe vestir ou que amigos debe borrar das súas redes sociais, pero tamén escenas de celos e mesmo chantaxes emocionais dicíndolle cousas como «Se non volves comigo, suicídome», todo en nome do amor romántico. Neste senso é importante que lles transmitamos a idea dun amor san, baseado no respecto, na liberdade, na igualdade e na confianza.

-Se un neno pide polo seu aniversario un balón, unha pistola e un coche, e unha nena, bonecas, un carriño de paseo e un set de maquillaxe, ¿Que facemos? ¿Cumprimos o seu desexo ou non o facemos para non perpetuar os estereotipos?

-Se o neno e a nena só piden ese tipo de regalos, teríamos que preguntarnos se estamos a facer algo mal. E logo habería que actuar en consecuencia. O balón, si, pero ao mellor tamén podemos sorprenderlle cun xogo para aprender a cociñar. E a ela, o mesmo: quizais o set de maquillaxe lle faga moita ilusión, pero tamén lle poderá gustar un xogo de electrónica ou de construcións. Trátase, en definitiva, de ampliar os seus horizontes e fomentar a súa formación como persoas máis iguais e libres.

Votación
2 votos
Etiquetas
San Sadurniño Editorial Galaxia La Voz de Galicia Prensa-Escuela
Comentarios