Aos edís díscolos e ao alcalde

Félix Antón Mosquera Bouzamayor ORTIGUEIRA

ORTIGUEIRA

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Como votante dunha candidatura e dun programa síntome decepcionado, por non dicir estafado. Descoñezo as discrepancias dos tres concelleiros co alcalde para levalos a tomar a decisión de absterse no pleno do 22 de febreiro. ¿Eran coñecedores de que pola súa decisión poñían en risco a asignación de 1.280.000 euros da Deputación para 2017? Polas intervencións que fixeron no pleno creo que si, dando así a impresión de que eles tiñan outro criterio do contemplado no POS; parece que non eran do seu agrado, ou pode ser que quixeran preservar certas parcelas de poder. Por todo, chego ao convencemento de que era un pulso ao alcalde. Descoñezo se o alcalde traballa en equipo, ou de maneira presidencialista; en calquera caso hai outros camiños para resolver temas de tanta transcendencia. Parece que as diferenzas e falta de confianza por ambas partes non eran novas: ou ben o alcalde os tiña que cesar dos cargos por falta de confianza con anterioridade, ou eles renunciar, xa que eran concelleiros con dedicación parcial, e viñan cobrando das arcas municipais, 968 euros [brutos] ao mes. Estimados concelleiros: Como quero pensar que estades en política por ideais e por vocación de servizo público, e non por facer da política o voso medio de vida, pídovos que, como veciños e representantes nosos, aparquedes as diferenzas e tratedes de chegar a acordos para a gobernabilidade do concello, que sería unha maneira moi digna de defender os intereses dos veciños e non defraudarnos, despois da confianza depositada en vós. Estimado alcalde: Sendo coñecedor das dificultades que se lle van presentar para sacar adiante as tarefas de goberno, preséntaselle agora a gran oportunidade de por en valor a súa vontade de diálogo para chegar a acordos e que nunca se lle poida acusar de falta de transparencia, como o foi no pleno. Polo ben de todos os veciños, pensen como pensen, sexan da cor política que sexan, deséxolle o mellor dos acertos nas tarefas que lle quedan nos dous anos que restan de mandato. Félix Antón Mosquera Bouzamayor, militante del PSOE de Ortigueira.