«O humor é parte da vida, hai que tomala con filosofía»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

ANGEL MANSO

O día 10 inaugúrase unha mostra sobre Narciso Luaces, fundador do Museo Etnográfico de Meixido, en Ortigueira 

06 jul 2015 . Actualizado a las 11:51 h.

De tódalas actividades a homenaxes que Narciso Luaces Pardo (Meixido-Freires, Ortigueira, 1929), fundador e director do Museo Etnográfico de Meixido, leva recibidos este ano -e os que lle quedan, empezando pola inauguración da exposición sobre a súa vida, o venres, día 10, ás 20.30 horas, no Museo Ortegalia-, quizais foi o marcapáxinas creado cos debuxos dos nenos do Ceip José María Lage o que máis o conmoveu. Conta que un pequeno de catro anos os pintou a el e a Herminia Cobelo, a súa muller, falecida o 23 de outubro de 2013, no museo, porque se acordaba dunha visita que fixera con tan só dous anos. El tamén garda algún recordo de idade ben temperá. «Aos sete anos colleume a guerra, cunha escola malísima... Valeume moito meu pai, que fora mestre de ferrado (docente sen título académico) e sempre me levaba con el», relata. «Por iso nunca fun ?o fillo do labrego?, senón ?o fillo do mestre de ferrado?», un home «moi respectado», coma el hoxe. «Vivín do campo e para o campo», en tempos duros. «O peor, os anos da guerra, e despois, a transformación de ser labrego, coller trigo, maínzo e patacas, a comprar gando e producir leite». Todo mudou coa xubilación, cando empezou a artellar o Museo Etnográfico de Meixido, aberto desde hai xa 16 anos, con máis de 3.000 pezas. E cando se iniciou na escritura, cun libro sobre os oficios e crenzas dos antergos ou unha colaboración máis recente nos Cadernos de Fraseoloxía Galega, con 185 ditos e refráns, como aquel que reza «Nunca se sabe de quen é a albarda ata que morre o arrieiro». Agora traballa nunha guía do museo, «para axudarlle á xente a comprender» as características, o uso e a orixe de apeiros e ferramentas.

Aquel neno que acompañaba a seu pai a todas partes, «e cansaba porque andaba moitísimo», ten 86 anos, conduce (nunca por riba do límite, pero tampouco por debaixo) e conserva intacta a curiosidade: «Di un proverbio chino ?o día que un deixe de aprender, deixa de vivir?. Lévoo a rajatabla». Desfruta da escritura, da conversa -de novo gostáballe escoitar aos vellos, en feiras ou enterros; e hoxe os mozos devecen por oílo- e dos baños na charca do Alligal, en Vilalba, pola reuma. «Vou desde hai 17 anos, como di un señor ?mentres veño aquí non teño que ir ao médico?». Agora quédalle a cen quilómetros «xustos» porque vive no Paraíso, en Viveiro, na casa do fillo.

Narciso non perde o humor -«é parte da vida, hai que tomala con filosofía»- e agradece «ao pobo de Ortigueira e a todos en xeral pola atención que tiveron co museo, cos libros, co ano Ortigueira Literaria Dixital...». Só escolle a soidade para escribir. E para os discursos prefire improvisar. «Nunca preparo nada».

narcisco luaces autor homenaxeado este ano no ciclo ortigueira literaria dixital