Gustos

Eduardo Fra Molinero A CAVE CANEM

ORTIGUEIRA

10 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

qué saben as cereixas? Depende. Un grupo de peregrinos pararon para comer unhas presiñas de cereixas. Vinos no alto de Pieros, onde o castro de Bérgidum. Nada máis expresivo que aquelas caras gustando das cereixas. Hai gustos que se din miúdos. Non lles dicimos grandes praceres, pero mentimos. Unha vez estiven nos xardíns de Versailles. Por un prezo módico podes andalos en bicicleta. O da bicicleta é outro gusto que aínda non ten a literatura que debe. A pesares de que o grancde Zola era un ciclista de raza. Cando fuxíu a Londres polo caso Dreyfus mercou unha bicicleta para vagar polos campos. Teño gustado das cereixas e máis da bicicleta e podo falar con algunha autoridade. Non hai por que molestar a Zola. A vida está chea de gustos. Dos que, se me apurades, os puritanos avinagrados aínda non teñen advertido castigos divinos. Da bicicleta algo si que falaron cando se trataba de mulleres ciclistas. Pero elas ( alomenos en Occidente) nin caso. Unha amiga, nai de catro fillos criados, é libre e feliz montando en bici. Nin marido, nin fillos, nin casa... Agora que teño a vaca mantida, a pasear... dime e a contemplo feliz coma unha cativa camiño de Doniños para perderse por San Xurxo. Por alí tamén conta o mar, como para min os xardíns de Versailles. O do carril-bici as novas autoridades téñeno que atender. Xa dicía Einstein: A vida é como unha bicicleta, hai que avanzar para non perder o equilibrio. Como aínda nos queda o vello instinto do vagabundeo, outro gusto é o tren. Algo ten o de deixarse ir e perderse pola paisaxe. Subide a Ortigueira a tomar un café. ¿Que non? Falemos logo do café: negro coma o demo, quente coma o inferno, puro coma un anxo... así o quería o senvergonza de Tayllerand. Tampouco hai que ser un senvergonza para subir ao Tren da costa. Billete Ida e volta, por suposto.