«O primeiro será pedir unha auditoría externa»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

O ata agora único alcalde socialista do Concello de Ortigueira di que «non» admitirá presións

26 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Juan Vicente Penabad Muras (Ortigueira, 1969), alcalde electo do PSOE, tócalle liderar o primeiro cambio político na historia democrática recente de Ortigueira.

-¿É consciente da responsabilidade?

-Si. Como sei que Ortigueira está ferida de gravidade, na economía dos fogares, non me queda máis remedio que a fin de ano ter a situación controlada e empezar un novo ciclo con todo xa en orde.

-Falou moito de emprego na campaña.

-Empezarei a traballar xa en buscar empresas para o polígono, en España e fóra. E de forma máis inmediata, no campo do turismo, xa cara a este verán, quero fixar ao turista que veña a Ortigueira.

-¿Terá dedicación exclusiva?

-Si; a miña dedicación será completa porque o Concello necesita todo o meu tempo e o dos meus compañeiros do goberno. E tamén da oposición, temos que traballar 13 persoas, escoitarei a PP e BNG e as propostas beneficiosas irán adiante. Cada grupo terá unha oficina no concello. Posiblemente teñamos dous edís con dedicación parcial e un asesor técnico para temas de obras, proxectos, subvencións...

-¿Non suporá moito gasto ao Concello?

-Unha nómina, que se cubrirá co aforro polos recortes que faremos, será alguén con experiencia e o seu traballo xerará beneficio para Ortigueira.

-¿Cales serán as primeiras medidas?

-Encargarei unha auditoría externa para ver cal é a situación, saber de que parto e de que me teño que responsabilizar. Oxalá a economía estea tan ben como di o alcalde, porque así irei moito máis rápido. Empezaremos por revisar a situación de tódalas persoas que necesitan asistencia e intentar atendelos en Servizos Sociais; e soportaremos o copago farmacéutico. Un concelleiro vaise dedicar a festas e eventos, recuperaremos as celebracións tradicionais do san Xoán, o magosto, o Nadal e o carnaval. E farei que me coñezan na Deputación, na Xunta e mesmo en Bruxelas, para lograr axuda.

-¿E o Festival do Mundo Celta?

-Este ano vou mirar de atendelo o mellor posible pero xa non queda tempo. Para o de 2016 traballarei xa desde agosto.

-En canto ao persoal municipal...

-O persoal vai estar moito máis contento; só lles vou pedir que cumpran co seu traballo e que traten e atendan moi ben ao veciño. Instalaremos o control de horarios dixital; reorganizaremos os espazos, Servizos Sociais vai vir para o concello, moi cerca do alcalde. Cubriranse as prazas de Secretaría e Intervención, con persoal titular, en canto se poda. Daremos de baixa os móbiles e de alta novos números, só os que se necesiten, quedando no concello, agás os de retén, igual que os vehículos do parque municipal.

-¿Teme presións?

-Non me arrimo a ninguén. O poder económico é o que é, as empresas están para obter beneficios, pero cada un na súa casa. E a miña é o Concello, que é a de tódolos veciños. O que pasou ata agora non se vai repetir. Mellor que non o intenten porque a contestación é moi clara.

-¿E os temas en marcha?

-Seguirán se son interesantes. Pero o dragado de Espasante vaino facer Portos e o colexio ímolo reparar, pero se o pode facer a consellería non o van pagar os veciños de Ortigueira.