«Nesta obra falamos do desarraigo da emigración, pero cunha mensaxe de esperanza»

B. Antón

NARÓN

MARTINA MISER

A actriz Mercedes Castro estreou «Get back», unha obra sobre os galegos de Londres

28 sep 2016 . Actualizado a las 11:39 h.

Catro galegos e un inglés viaxan nun vagón do metro de Londres. De súpeto, o convoi queda parado e esa circustancia fai agromar unha atmósfera idónea para que cada un deles reflexione sobre a súa vida e os seus conflictos. Este é o punto de partida de Get Back,unha peza teatral de traballo colectivo que parte dunha investigación de Camilo Franco sobre os «londoners», o nome que se dan a si mesmos os galegos que viven en Londres. O texto é de Diego Amixeiras; a dirección quedou en mans de Jorge Coira... E sobre as táboas do escenario, cinco intérpretes entre os que figura a veterana Mercedes Castro.

 -¿De que nos fala «Get back»?

-Nesta obra falamos da emigración e do desarraigo que provoca estar lonxe da túa terra, pero cunha mensaxe de esperanza. A situación de hoxe en día é moi complicada, con xente que vai de aquí para alá e que non sabe moi ben onde agarrarse para saír adiante. Pero, a pesar diso, queremos transmitir a idea de que non todo está perdido e de que hai que seguir loitando.

-¿Como son os «londoners» de «Get back»?

-As súas circunstancias son diferentes. Uns son novos e acaban de chegar e outros levan moitos anos, como Lu, que é o personaxe que interpreto eu. Ela chegou a Londres despois de pasar por Berlín, pero non vai alí por cuestións laborais, senón en busca de aventuras. É a máis libertaria de todos.

-¿Os personaxes están basados en casos reais?

-Si. Camilo Franco fixo moitísimas entrevistas a galegos que viven en Londres e do seu testemuño xurdiron os personaxes de «Get back».

-¿Como anda a escena galega de saúde? ¿Custa traballo arrastrar ao público ao teatro?

-A verdade é que si. Custa moito traballo. Cando as cousas se abandonan -e a cultura foi moi castigada e ségueo a estar hoxe en día-, logo é máis difícil máis recupelas. Precisamos máis apoio das administracións e hai que seguir traballando na creación dun público estable. O caso de Narón é un bo exemplo do que se pode facer para avanzar nesa dirección.