(Auto)homenaxe a Tatán

ROBERTO TABOADA FERROL

NARÓN

CÉSAR TOIMIL

Actor e titiriteiro, presentou o seu proxecto musical no Pazo da Cultura de Narón

11 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 20 anos o Teatro Central de Sevilla acollía o primeiro recital en España de Hanna Schygulla -actriz de dilatada traxectoria, musa de Fassbinder e recoñecida internacionalmente-, sendo o seu primeiro proxecto musical e que ata ese momento nunca antes cantara. Creou un espectáculo a través dos textos de Fassbinder, Müller, Handke, etcétera, narrando unha viaxe dende a infancia á madurez -o tempo actual-, unha homenaxe cantada para unha vida adicada á interpretación. Na escena aparece acompañada polo pianista Jean Mari Sénia, autor da música e desenvolven o repertorio ante o embelesado e non moi numeroso público.

Tatán -Eduardo Rodríguez Cunha-, é actor e titiriteiro cunha extensa carreira que comezou alá polos anos oitenta, fundou A Monda Lironda en Vigo, de curta vida e o ano seguinte, 1983, funda en Redondela Tanxarina, en compaña de exalumnos de Harry Tozer -profesor no Institut del Teatre de Barcelona- e de profesionais do teatro infantil da escena galega. A compañía é un referente nos espectáculos de monicreques e a súa fama e actuacións levaránola por todo o mundo. Moitos quilómetros ten Tatán ás súas costas. Este gran home -tamaño e humanidade- que xa pasa dos 60 anos, ten un gran curriculum de actor, defendendo personaxes tan dispares coma o Marqués de Lansac de A Cacatúa Verde (unha produción do Centro Dramático Galego, dirixida por Eduardo Alonso no ano 2001) ou ao pai de Roque na película A lingua das Volvoretas. Sólidas e convincentes interpretacións, sempre marcadas pola singularidade do seu físico -alto, desgarbado- e a súa voz, áspera e rachada.

O sábado pasado o Pazo da Cultura de Narón acolleu a presentación do proxecto musical do Titiriteiro: Tatán Chapeu gran formato. Non é a súa primeira incursión na música, participou anteriormente en Corasons e María Fumaça. Desta vez el colle as rendas: autoedita o cedé e produce o espectáculo. O traballo é a suma de complicidades entre amigos: Pablo Vidal e Uxía, aos arranxos musicais, Magín Blanco e Carlos Blanco, coma autores dalgunhas das letras, o pianista Alberto Vilas, etcétera?

No Pazo estiveron todas as colaboracións da gravación, ata trece artistas, entre contrabaixo (Pablo Vidal), batería, ventos, piano eléctrico, guitarra portuguesa (Alfredo Teixeira), coros (As Mosas, tres cálidas voces de Mos), Carlos Blanco, que sabe introducir e artellar con mestría e humor o inicio do concerto e as súas transicións, Uxía -recén chegada de xira pola América do Norte, xenerosa coa súa presenza- e o propio Tatán: protagonista, cantante. Todas/os con chapeu.

Son unha ducia de temas escritos no tempo e agrupados para este traballo, as letras son amables e sinceras; hai moita furgoneta e estrada nelas, mais tamén moito encontro de amigos; relaxados e de vagar. Os ritmos lévannos de viaxe tamén: soa Nova Orleáns, Cuba, Portugal, Rusia? e sempre Galicia.

Dicía Hanna Schygulla, ante o seu primeiro recital: «Non canto coma cantante, senón coma actriz. Quero transmitir algo, e iso faime superar os problemas de calidade e voz». Agardamos de Tatán novos proxectos escénicos e musicais, pois ten unha mochila ben cargada de historias por transmitir.