Cidade de Narón

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

NARÓN

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As cidades naceron e diferenciáronse do rural. A oposición campo/cidade aínda funciona en moitas mentes. Son dúas culturas e nunca se levaron ben. Hai que pedir simplemente que se aguanten dun xeito ... e agora ¿que digo? ¿rústico ou civilizado? Eu para valorar unha cidade pido opinión aos romanos, que parece que de cidades sabían bastante máis da media. O concello de Narón coñeceu un crecemento forte. As medras víanselle todos os anos. Pero foron medras daquela maneira. Os romanos planificaban. Pode non gustar a planificación, pero ou mamas ou comes miñocas. En Narón as cousas foron indo para diante a golpe de negocio especulativo. E agora temos rúas, casas, polígonos industriais e algún parque, edificios públicos pero non temos foro romano. Por iso en ningún momento hai sensación de vivir unha cidade. Habito nos lindes de Narón, nun rueiro rural de todo, e cando falo de ir á urbe, extravíome un pouco. As autoridades naronesas deron por boa a propaganda. Había que crear a identidade urbana de Narón. Os esforzos foron intensos e penso que caros. Pero as tribus rústicas resístense a vestir a toga urbana. Quero dicir que as identidades sonlle parroquiais. Como cando as colinas romanas (os castros dicimos por aquí) se xuntaron para formar unha urbe e deixar de andar a paos. Claro que no medio construiron o Foro e a cousa funcionou. Eu cando quero ir ao Foro vou a Ferrol e aí lle doe. E sen Foro Narón segue a ser Narón. E a moita honra, porque somos o que somos.