O dobre crime de Ambosores, símbolo dos represaliados durante a posguerra

A.F.C. MAÑÓN / LA VOZ

MAÑÓN

Nordés celebra desde hoxe unhas xornadas no Barqueiro co obxectivo de "restaurar" a memoria histórica

20 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

«O día 8 de setembro de 1948, mércores, seguindo a tradición (desde 1665) centos de persoas chegadas de moi diversos lugares congregáronse na capela da Pena de Franza. Acudían en romaría a este lugar limítrofe entre Grañas (Mañón) e O Freixo (As Pontes), facían a ofrenda, pedían protección para animais e colleitas, sentábanse a comer na camposa, divertíanse e antes de anoitecer emprendían o retorno. (...) Por volta das dez da noite do xoves, día 9, nunha vivenda do lugar de Ribeira da Señora (na parroquia de Ambosores, que pertence aos concellos de As Pontes, Mañón, Ourol e O Vicedo) producíase un episodio de guerra, con dúas persoas mortas por arma de fogo. Eran o dono da casa e un empregado que traballaba a xornal. O conflito bélico que comezara en 1936 mantíñase latente e doce anos despois continuaba segando vidas». O relato que esboza Bernardo Penabade (Grañas do Sor, 1964), profesor de ensino secundario, constitúe un símbolo dos represaliados durante a longa posguerra e un intento de «restaurar a súa memoria».

Quen queira coñecer o resto da historia, «ata onde se poida contar», ten a oportunidade de escoitar a Penabade, o sábado, cando guiará un roteiro didáctico desde o local social de Grañas (11 horas) ata Ambosores. Trátase dunha das actividades das quintas Xornadas Memoria dun Tempo, organizadas polo colectivo Nordés. A primeira cita terá lugar hoxe, ás 20.30 horas, no consistorio de Mañón (no Barqueiro), co historiador ferrolán Eliseo Fernández. Da Guerra Civil aos campos de concentración, orteganas na segunda Guerra Mundial é o título da charla. Mañá (20 horas) terá lugar a terceira homenaxe a republicanos e libertarios, na Ponte Vella do Barqueiro, e un recital de Mini e Mero e Andrés Rodríguez, no salón de actos do concello mañonés (21.15).

As mulleres guerrilleiras

O sábado, tralo roteiro que conducirá á aldea de Ambosores, celebrarase un xantar de irmandade en Casa Urbano (inscripción no número 653 756 454); unha conferencia da catedrática da USC Aurora Marco sobre as mulleres na guerrilla antifranquista (20, no consistorio local) e a proxección do documental As Silenciadas, que dirixiu o seu fillo Pablo Ces e versa sobre seis galegas vítimas da represión franquista.

xornadas memoria dun tempo do 20 a0 22 no barqueiro