Informar II

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

07 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dúas semanas lamentaba a ausencia de carteis, indicadores e emblemas que informen a pé de rúa sobre, por exemplo, a aplicación e autores das Meninas ou da ruta do Modernismo. E dado que nos atopamos en setembro, aínda coa resaca da exitosa edición das Meninas e a tan só uns días do 136 aniversario do nacemento do que foi o maior expoñente do Modernismo en Ferrol, Rodolfo Ucha (seguiremos sen acto institucional de homenaxe?), volverei insistir no tema, aínda que neste caso referireime á información escrita.

Ninguén cuestiona que a estas alturas Internet tense convertido na principal guía turística e que, por tanto, coidar todo o que concirne á «rede de redes» ten que ser prioritario para quen «vende» a cidade. Pero non é menos certo que nin todo o mundo accede a Internet nin edita o que consulta, polo que dispoñer de guías tradicionais segue a

ser fundamental.

Por iso, sorpréndeme e desgústame que, lonxe de incrementar a edición de folletos que mostren con textos e imaxes as diferentes rutas e oferta de Ferrol, a tendencia sexa a contraria. En concreto, refírome á guía da ruta do Modernismo, unha das máis importantes dado o interese -contrastado- que xera entre visitantes, que xa non está, nin se lle espera, nas oficinas de turismo. Ou a guía da Primeira Milla do Camiño Inglés, unha alternativa para potenciar o patrimonio neste tramo que, malia ser ofrecida altruistamente polo Foro Ferrol Vivo, tivo nulo interese para as administracións -non para establecementos da cidade ou a propia Diocese, que os están a repartir-. O dito. Para vender cidade hai que saber -e querer- ensinala.