Esther Leira: «O de Ferrol é un Goberno dun alcalde autocrático»

r. p. p. FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

JOSE PARDO

A marcha do pleno da concelleira de Obras, Vivenda e Rehabilitación foi a eclosión das discrepancias que mantiña: «Tiña que suceder algún día»

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Confesábase nerviosa despois de converterse na nova protagonista do incerto futuro do Goberno de Ferrol. Pero a aínda concelleira de Obras, Vivenda e Rehabilitación, Esther Leira Penabad (Ferrol, 1964), deu a cara e explicou o enfrontamento que mantén co alcalde. Non se arrepinte: «Tiña que suceder algún día».

-Por que tomou esta decisión?

-Porque se leva unha proposta de modificación de crédito que non foi tratada nin discutida no grupo municipal de FeC.

-Dixo que se sentía tratada como oposición. Por que?

-Todos aqueles temas que se propoñen por parte do Goberno municipal eu entérome a través das comunicacións que reciben os membros e polos medios de comunicación. É un Goberno dun alcalde autocrático.

-E ante esta situación, por que segue como concelleira?

-Continúo porque fun nunha lista, cun programa e entendo que estou aquí para defendelo.

-Descarta polo tanto dimitir?

-Si. A acta estará sempre a disposición da asemblea de FeC, non do alcalde nin do grupo municipal.

-Teme que o alcalde a expulse ou lle retire as competencias?

-Eu do alcalde non descarto nunca nada.

-A situación podería deixar ao Goberno aínda máis en minoría...

-O Goberno de Ferrol está nunha inmensa minoría porque é incapaz de negociar aspectos fundamentais da cidade cos grupos políticos. Polo tanto, entendo que se se dera o caso, non quedaría en máis minoría.

-Non ten nada bo este alcalde?

-Algo haberá.