Ferrol-Narón, Narón-Ferrol

Xan Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

26 may 2017 . Actualizado a las 11:34 h.

Edusi é nome de boa noticia para a beira norte da ría ferrolá, para a ría enteira, seguro. Unhas siglas que significan 10 millóns do Plan Urban para un ambicioso proxecto conxunto de Narón e Ferrol, Ferrol e Narón, dous concellos a cooperar como identidades propias que suman necesidades, pero non habitantes. De ser un único concello superarían os 100.000 habitantes que suporía poder obter 5 millóns extras; pero ese é outro tema. De momento, benvida a colaboración entre administracións veciñas para lograr uns fondos e un proxecto común para traballar necesidades tanto tempo demandadas. Non sei se eses cartos darán para moito, a lista de liñas de acción anunciadas pinta necesitar iso e máis; ben xestionadas deben notarse nuns concellos curtos en recursos por habitante. En particular o caso ferrolá é difícil de explicar fóra da comarca, pero semella necesaria a insistencia: a maior cidade galega no XVIII, xunto con Compostela, é hoxe unha urbe cun terzo da súa superficie ocupada polo Estado ou empresas participadas, que non pagan o Imposto de Bens Inmobles. Así, escusas de interese estatal (mantidas por gobernos de partidos ata agora maioritarios) obrigan ás sucesivas corporacións (de gobernos locais variados) a reclamar nos xulgados o que debería ser un acto fiscal elemental. Se ocupas superficie, pagas. Como os demais veciños. A estes atrancos crónicos xúntase o obstáculo, estatal tamén, da falla de acordo nas condicións de cesión das extensas e importantes instalacións desafectadas por Defensa, co cuartel Sánchez Aguilera como peza bloqueadora do urbanismo local. Neste contexto, benvido Edusi, haxa acordos políticos responsables, e gástese ben.