O medo é lexítimo

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Desconfiade dos que presumen de non ter medo. Comezo así porque veño de ler a historia dun oficial da Armada, músico, que padeceu sufrimentos sen conto durante a guerra civil. Foi preso pola tripulación coma o resto de oficiais. O único que se salvou de ser fusilado despois dun xuízo sumarísimo e sen garantías. Malviviu en Málaga escondéndose das patrullas de milicianos que buscaban seguido «fascistas». Axudado por un militar republicano chega a Madrid e de Madrid vai a Griñón (Toledo) coa esperanza de pasar ao bando nacional. Tomado Griñón polos nacionais, caeu preso confundido entre os defensores da República. Sometérono a xuízo sen garantías. Viu como compañeiros de prisión eran fusilados. Por fin un oficial creuno y pediu informes. Liberado e con documentación chega a Ferrol. O primeiro saúdo que recibiu do Almirante foi: «¿Y a tí por qué no te mataron?» Reingresado na Armada, no acorazado España, naufraga nas costas de Santander. A tripulación salvouse de milagre. O seu derradeiro servizo foi o Galatea. Este home confesa que tivo medo. E que todos tiñan medo e para tapalo moitos milicianos, oficiais, xuíces militares dun e outro bando cometían inxustizas e crimes. Confesa que se salvou grazas a homes bos que recoñecían o seu medo. Francisco Escobar contaba aos fillos a súa historia. O libriño: Rebelión a bordo. Publicado polos fillos da fe do que lle pasou. A memoria histórica é a suma das memorias individuais. Esta afina sobre a orixe das violencias.