Correa

Xan Rodríguez Silvar

FERROL CIUDAD

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ou corda, ou algo para manter ao can controlado. Estamos xa en plena tempada de cría da Píllara das dunas, un pequeno paxariño de praia, do que quedan unhas 80 parellas en toda Galicia. A especie está protexida por lei pola súa difícil situación, como exemplo saiban que en 2016 so eclosionaron 130 poliños, e deles unicamente 49 chegaron a voar, tal e como explicou a doutora María Vidal na súa recente conferencia en Ferrol. Como son posibles estes pobres resultados? Véxase como sae a pouco máis de medio polo por niño, ou de cada dous niños, un polo, si o miramos así. De certo é unha especie fascinante, sabendo como pon os ovos na area de praias e dunas; abundan aí inimigos naturais coma a propia marusía, os corvos ou o raposo, mais durante milleiros de anos foron quen de resistir e chegar ata hoxe. O problema ven dos cambios de hábitos humanos e da subida do mar. Sobre isto último temos pouco control directo, e os areais minguan, pero sobre o uso da praia si hai recomendacións doadas para mellorar a situación da especie. O primeiro é evitar a principal causa de mortalidade de polos de Píllara debido a humanos, mellor dicir da xestión dos animais domésticos. A lei di con carácter xeral que ningún can pode levarse ceibo en espazos públicos; sobre as praias, ademais, hai outras xurisdicións como as de conservación -as praias exteriores de Ferrolterra pertencen ao Lugar de Interese Comunitario Costa Ártabra- e as de uso de praias. No caso do concello de Ferrol o artigo 27 da súa ordenanza prohibe «a presenza de animais na praia dentro da tempada de baño», pero a Píllara non pode esperar: en praias de Ferrol xa hai ovos chocando. Ata o mes de xuño, pois, civismo e correa.