«É incrible a cantidade de especies que ten a ría pese a estar tan contaminada»

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

FERROL CIUDAD

josé pardo

A tese da investigadora conclúe que Reganosa non ten afectación nas augas locais

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A investigadora Xela Cunha traballa na Estación de Bioloxía Mariña da Graña e acaba de presentar unha tese sobre a incidencia da planta de gas no ecosistema da ría, despois de analizar durante sete anos o proceso de captación de auga por parte da empresa.

-¿Cómo xorde a elaboración da súa tese?

-Reganosa e a Estación de Bioloxía Mariña da Graña levan traballando en conxunto dende finais do 2006. A empresa, polo proceso que levan de captura de auga, ten que presentar unha serie de informes e contratou á estación para facelos. Debido á gran cantidade de información que se obtén cada dous meses, a estación propuxo a Reganosa a redacción dunha memoria. Na tese abarco desde o ano 2007 ata 2013, aínda que o traballo da estación continúa.

-Co seu traballo determina que a actividade da regasificadora non afecta ao estado da ría. ¿Que elementos analizou para chegar a esa conclusión?

-Dende o punto de vista de macrozona de afectación que estudamos nós, viuse que non presentou ningún efecto no período de tempo estudado. Nós estudamos comunidades de macrofauna, os organismos que viven no sedimento da zona, na enseada de Santa Lucía, que é onde se localiza Reganosa. Son especies típicas deste tipo de fondos.

-¿Que zonas da ría centraron o estudio?

-Decidimos catro estacións de estudo, a diferentes distancias da saída de auga que Reganosa libera despois de utilizala para a refrixeración. Non se ven grandes diferenzas, pero unha das principais conclusións é que na estación máis próxima non existe ningún descenso na riqueza específica, é dicir, no número de especies que hai, e na abundancia, no número de exemplares de cada unha das especies. En cambio, nas outras tres estacións observouse que foron descendendo os valores paulatinamente.

-¿E a que cre que é debido?

-A ría de Ferrol está moi contaminada, cunha afección externa a Reganosa. Estamos facendo mostraxes fóra desa zona e estase vendo que a ría está moi mal. Hai outros estudos que facemos na estación, con outro tipo de parámetros, como nitratos ou nitritos e vemos que nas zonas con moita contaminación, eses niveis son moi altos.

-A falla de saneamento lastra ano a ano a ría.

-Vémolo non só collendo mostras. O director da estación, Victoriano Urgorri, leva traballando moitos anos e buceou moitísimas veces en diferentes zonas da ría e ás veces di de bucear nunha zona limpa e agora se deposita máis material fino e non hai a mesma circulación de auga, debido ao porto exterior. Son moitas condicións, ademais da falla de depuradora, que fixeron que a ría estea cada vez peor.

-¿Algún elemento contaminante que predomine por riba doutros?

-Non, nos parámetros que están medidos non vemos grandes diferenzas. O único, que na materia orgánica da zona, a partir do 2010, houbo un lixeiro aumento nas catro estacións analizadas.

-¿Teme que poidan dicir que o estudo está entrampado por ser Reganosa un cliente da Estación de Bioloxía?

-Nós non imos mentir. Non nos vai favorecer nin a prexudicar que nós teñamos uns resultados ou outros. Collemos unhas mostras, procesamos e damos os resultados que hai. Cada dous meses lles facemos un informe cos resultados e punto. Nunca nos pediron que dixéramos unha cousa ou outra. Para nada. A nós non nos favorece mentir, mañá nos propón outra empresa outro estudo e saen outros resultados e ¿como explicaríamos o engano? O ecosistema está aí, non se pode enganar.

-A súa contaminación é o aspecto máis negativo da ría. ¿E o máis positivo?

-Para estar tan contaminada, é incrible a cantidade de especies que se atopan na ría de Ferrol. Non só falo de especies comerciais, do marisco, si que chama a atención de que nesta zona tan contaminada poida haber tanta riqueza.

«Nós non imos mentir; o ecosistema está aí e non se pode enganar»