Esteiro

Eva Martínez Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Obarrio de Esteiro é un exemplo claro do que ocorre cando as administracións traballan da man e apostan pola recuperación dun espazo. De feito, ata non fai moito, o que fora un barrio xurdido para albergar aos traballadores dos estaleiros, atopábase nun estado de abandono evidente, cun Hospital de Mariña que daba certa vida á zona e que, coa decisión de Defensa de construir un edificio novo en Leixa e desafectar esas edificacións -alá polos 80-, parecía abocado ao desastre.

Lonxe disto, o interese, traballo e perseveranza de varias persoas representantes de institucións -entre elas o profesor e exconcelleiro Eduardo Fra- frutificaron no que actualmente é o campus universitario, sendo o 20 de xaneiro de 1992 unha data clave, xa que ese día, de forma oficial, a comisión de goberno do Concello de Ferrol -que recibira do Ministerio devandito espazo en 1990- poñía a disposición da Universidade da Coruña as instalacións do antigo hospital de Esteiro.

A rehabilitación, xa a cargo da propia UDC, das edificacións antigas, xunto á construción doutros inmobles, supuxeron un impulso para este barrio, que desde entón ten mellorado moito a todos os niveis. Pero aínda queda unha parte, o Esteiro Antigo, cunhas necesidades e carencias notables, cun ARI concedido en xullo de 2016 para 135 edificios, pero que aínda non frutificou.

De todo iso, do pasado e do presente do barrio, pero tamén dos retos -con Navantia ou o cuartel de Dores como veciños-, falaremos mañá con algúns dos seus protagonistas nas xornadas de recuperación de espazos degradados do Foro Ferrol Vivo. Esperámosvos ás 11 no local da AVV.