«Todos utilizamos o cen por cen das nosas neuronas»

FERROL CIUDAD

MONICA IRAGO

O neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño visita hoxe a biblioteca para ofrecer unha charla sobre os segredos da mente

09 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Biblioteca Central de Ferrol • 19.30 horas •

Xurxo Mariño (Lugo, 1969) é un mestre na arte de explicar cuestións complexas dunha forma sinxela. Xa hai anos impulsou iniciativas como os discurshows, nos que transmitía coñecemento a través dun cóctel no que mesturaba charla e teatro. E hoxe mesmo volverá a demostrar o seu don para a divulgación na biblioteca da praza de España, onde este investigador do grupo de Neurociencia e Control Motor (Neurocom) da Universidade da Coruña impartirá unha charla cun título que invita á curiosidade: ¿Para que nos serve a mente?

-Na súa ponencia explorará os segredos do encéfalo. ¿Por que é tan importante esta estrutura situada no interior do cranio?

-Todo o que é cada un de nós, o noso «eu», a nosa memoria, as nosas habilidades, está orixinado e depende das neuronas que temos no encéfalo; é importante porque é o substrato da nosa existencia. Os seres humanos temos mente autoconsciente, somos conscientes de que existimos, algo que non parece común no resto dos animais. Esta mente autoconsciente ten sido e é esencial para o desenvolvemento das sociedades humanas e da nosa cultura.

-¿En que sentido?

-A mente autoconsciente permite ter sensación de individualidade, de «eu». Isto é importante para o desenvolvemento de varias características únicas dos humanos: o pensamento simbólico, a linguaxe, a elaboración de plans de futuro e o establecemento de sociedades complexas.

-¿O ser humano utiliza toda a potencialidade da súa mente? ¿Pódese facer ximnasia mental para sacarlle maior proveito?

-Todos utilizamos o cen por cen das nosas neuronas. O que si que varía é o número de conexións (de sinapses) que establecen as neuronas entre si, que en gran medida depende do traballo que lle damos ao sistema: as actividades que requiren un certo esforzo cognitivo como ler un libro, reflexionar sobre algún proxecto ou xogar ao xadrez tenden a incrementar o número de conexións.

-¿Na historia da evolución do ser humano houbo cambios significativos no que respecta á mente?

-Entre hai sete millóns de anos e hai uns 150.000 anos os cambios no encéfalo dos humanos foron extraordinarios. Nos últimos 60.000 anos non parece que teñan existido cambios importantes. Nesa época xa estaban desenvolvidos o pensamento simbólico e a linguaxe.

-¿Por que as plantas non teñen cerebro?

-Porque non precisan cambiar de sitio, é dicir, moverse, para sobrevivir.

-¿A mente do home a da muller funcionan do mesmo xeito ou hai algunha diferenza?

-Estruturalmente hai diferenzas -como non podería ser doutro xeito, xa que os encéfalos de homes e de mulleres se desenvolven baixo o control de hormonas distintas-, pero no que respecta ao funcionamento global non parece que exista unha mente característica de muller e unha de home, senón que o que hai na poboación é todo un rango de características funcionais.