Unesco

Eva Martínez Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Si, confeso que son das que seguen a crer na candidatura de Ferrol como Patrimonio Mundial. Desde que, en 2001, a RA Nuestra Señora del Rosario presentase ao Concello a proposta, ten sido longo e tortuoso o periplo que nos levou ata aquí, momento en que moitas persoas tiraron a toalla ou pensan que nos atopamos ante unha utopía. Non é o meu caso. Estou convencida de que Ferrol da Ilustración cumpre cos criterios para obter a declaración da Unesco e, se aínda non o foi, é porque carece dun plan de xestión que garanta a viabilidade da candidatura. De feito, formamos parte da Lista Indicativa do Patrimonio Mundial dende 2007. Por tanto, non se pode dicir que esteamos ante unha misión imposible, senón que, máis ben, ao longo destes 16 anos traballouse dun xeito intermitente e insuficiente para dar o salto final que poñería o trazado da Magdalena, os Arsenais militar e civil da Cabana, as defensas da ría e o seu porto natural no cume dos bens patrimoniais do mundo. Agora, atopámonos na necesidade de realizar un plan de xestión. Plan que, se as institucións implicadas (Concellos de Ferrol, Ares e Mugardos, Mariña, Autoridade Portuaria e Navantia) apoian e impulsan, podería ser desenvolvido nun par de anos. Por tanto, na reunión do Consello Nacional do Patrimonio Español de 2017 que aborde a nosa candidatura resultará fundamental defendela para obter unha prórroga para presentar dito plan. O contrario sería rendernos e deixala morrer. Isto é o que queremos, unha vez máis, para a nosa cidade?

Estamos ante un reto complexo, pero viable e posible. E, por riba de todo, un reto para unha cidade que ten un patrimonio único e que debe loitar para poñelo en valor.