De Suecia a Sartaña

Xan Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

28 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxinen un paxariño de non máis de 17 centímetros de pico a cola (un merlo pode chegar a 29 cm) e que non pasa dos 32 gramos (o noso merlo pode pasar dos 130 g) con aspecto discreto, patas negras e cor gris e riscado. Un fino peteiro indicada a súa alimentación baseada en insectos, pequenos crustáceos e outros bechos habitantes de campos e ribeiras. En fin, un animal nada rechamante, en especial se anda entre as olgas depositadas nunha das máis fermosas e discretas das praias de Ferrol, a de Sartaña. Este pequeno areal, a cabalo entre Ponzos e o petón granítico do Pedrouzo, tivo sempre sona de lugar saudable, moi recomendado polos médicos en tempos, non tan afastados, cando a alimentación monótona e escasa en iodo facía do bocio unha enfermidade endémica. Era común ver polas praias de Ferrolterra a xentes de terras interiores, onde a dieta pobre en peixe forzaba o medre desmesurado da glándula tiroides, tentando compensar co tamaño o déficit de iodo, deformando gorxas que os nenos de entón non podiamos evitar mirar con asombro. Esa pequena praia xa levaría acollendo miles de anos ao paxaro coñecido como Pica patinegra costeira (Anthus petrosus littoralis, no seu dni científico) mais o pasado domingo un excelente ornitólogo e fotografo ferrolán captou coa súa cámara o anel metálico que demostra a procedencia sueca da ave. Créanme, non é doado captar e ler ben o gravado nun anel tamaño Barbie, pero debe facernos reflexionar, agora lonxe da verán, sobre o uso humano das praias: un único can ceibo nese lugar, nese día podería ser a diferencia entre vida e morte para un ave tan vulnerable. Un chamado á responsabilidade dos donos de can, entre os que me atopo.