Peonalización

Eva Martínez Montero TRIBUNA

FERROL CIUDAD

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que a estas alturas da película a ninguén se lle ocorre pensar que nunha cidade como Santiago poderían circular coches coma se tal cousa polo seu centro histórico. Do mesmo xeito que noutras moitas localidades, a decisión de peonalizar foi polémica e enfrontou a unha parte de veciños, hostalería e comercio co goberno municipal, pero a realidade é moi túzara e demostrouse que, tal e como defendían os responsables locais, a aposta por este modelo era a adecuada.

E era a adecuada porque os dous alcaldes que cambiaron Santiago e convertérono no que é hoxe, os socialistas Xerardo Estévex e Sánchez Bugallo, tiñan na súa cabeza perfectamente definido o modelo de cidade que querían e que precisaba a cidadanía. Unha visión de conxunto, integradora, rehabilitadora e de humanización de espazos.

A peonalización é moito máis que cortar unha rúa ao tráfico rodado. E iso é o que en cidades como Santiago fíxose ben, e noutras, como Ferrol, fíxose polo menos regular. Cando se decide desenvolver un modelo de peonalización dun barrio, como é o caso da Magdalena, é importante contar co visto e prace dunha parte -a poder ser maioritaria- da veciñanza e comercio/hostalería da zona, e ese acordo, a priori difícil, seguro que resulta moito máis sinxelo de alcanzar se se fan os “deberes”.

Para iso, debemos definir obxectivos. Para que queremos peonalizar? Que obxectivos perseguimos? Porque a eliminación do tráfico non é unha simple decisión para reducir contaminación, senón que persegue a humanización de espazos, por unha banda, e a dinamización demográfica e económica, por outra, combinando así o goce da cidadanía co despegamento económico do barrio e a conservación patrimonial.

Cumpre A Magdalena todos estes requisitos? Existe un plan de dinamización comercial? Está a desenvolverse algún plan de vivenda para asentar poboación nova nun barrio que se está empezando a caer como o de Ferrol Vello? Dispoñemos dun plan de de mobilidade da cidade que defina e potencie o transporte público e concrete aparcadoiros en barrios periféricos? Estudáronse as razóns polas que a peonalización non funcionou nalgunhas das rúas do centro da nosa cidade? Son moitas preguntas, e talvez demasiado complexas. Por iso, tomar decisións drásticas poden acarrear consecuencias terribles para unha cidade que non se pode permitir máis erros. Peonalizar si, pero con cabeza, perspectiva e sentido.