Sete vidas ten o gato

Iván Rivas 26J

FERROL CIUDAD

02 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O nacionalismo galego sufre un grave problema electoral e por iso máis aló do contexto hostil no que nos atopamos debemos reflexionar sobre aspectos da nosa praxe. Quizais o lastre dunhas siglas cargadas de prexuízos é demasiado peso para unha opción política feble social e psicoloxicamente ou se cadra os pactos con organizacións estatais en institucións como a Deputación de Lugo contribúen a laminar a credibilidade da única opción política que cuestiona os tabús dun Estado no que poder político, económico e mediático están entrelazados.

Como senón se explica que ante o austericidio económico e o rescate financeiro imposto pola UE tanto PP, PSOE, C´s como UP se posicionen a favor do euro e asuman o art. 135 con matices que non implican a súa reversión e que aseguran o pago da débeda por riba de calquera outra necesidade social? Ou que tendo en fronte a un adversario político K.O. como o PP o 20D se lle permita rearmarse o 26X?

Isto pode explicar uns resultados nos que os electores prefiren o orixinal á copia e fronte ao que só vexo nacionalismo; que facilitou gobernos alternativos ao PP sen exixir cotas de poder ou que aposta pola saída dunha UE que desposúe aos Galegos pero tamén ao resto do Estado de todos os seus sectores produtivos.

Do mesmo modo só vexo ao nacionalismo enfrontarse aos tabús que condicionan o futuro de Ferrol e que tanto PP como o actual goberno asumen. Un convenio con Defensa no que pagamos por propiedades abandonadas e subvencionamos Exponav mentres que o Estado non paga un euro por ocupar o 20 % do solo urbano.

Pagar por construír unha infraestrutura de saneamento que no resto do Estado pagou o Estado ou silenciar a condena dos estaleiros da ría ao ámbito militar con veto ou sen veto polas implicacións que tería para Cádiz. Por estas razóns a guía para o nacionalismo debe ser a súa coherencia por moito que deba reformular a práctica na que consumira vidas e tempo pero coma os gatos nós se caemos é para aprender a levantarnos.