Siro: «Juan Carlos Alonso facía photoshop coa paleta e o pincel»

FERROL CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

O Clube de Prensa inaugura hoxe a Festa da Caricatura cunha mostra sobre o esquecido debuxante ferrolán

01 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O debuxante e presidente do Clube de Prensa de Ferrol, Siro López, confesa que leva varios meses sen poder coller un pincel. A organización da segunda Festa da Caricatura, que comenza hoxe en Ferrol, mantívoo moi ocupado todo este tempo, pero recoñece que «o esforzo pagou a pena», porque a cita vai convertir á cidade en capital do humor gráfico durante o mes de xullo. E por iso invita a todo o mundo, «sen distincións», a gozar da festa. Para comenzar, nada millor que acudir esta tarde ao edificio de Afundación, ás 20.00 horas, onde o Club de Prensa dará o pistoletazo de saída á programación cunha exposición adicada ao caricaturista ferrolán Juan Carlos Alonso (1886-1945). 

-¿Por que non debemos perder esta mostra?

-Porque nesta exposición pódese ver a obra dun auténtico maestro da caricatura. Juan Carlos Alonso é o millor caricaturista que vin na miña vida. Tiña unha facilidade innata para o debuxo, un don que lle permitía facer unha caricatura de calquera persoa en calquera posición. E ademáis posuía unha técnica prodixiosa, coa que creaba efectos extraordinarios. Juan Carlos Alonso facía photoshop con acuarelas e pastel.

-En Arxentina dirixiu a revista «Caras y caretas». ¿Como chego ata alí? ¿Por que marchou de Ferrol?

-Deixou Ferrol xusto despois da morte do seu pai. Con quince anos, colouse nun barco como polizón e marchou para Arxentina. Alí empezou a traballar como recadeiro da revista Caras y caretas, que dirixía José María Cao Luaces, tamén galego e considerado como o número un da caricatura naquela época. Pois ben, Cao Luaces, ao ver o ben que debuxaba Alonso, decidiu fichalo e só un ano despois o ferrolán xa estaba traballando na redacción cos mellores caricaturistas de Arxentina. Co tempo terminou por dirixir a revista, fundou tamén Plus Ultra, colaborou con moitas publicacións e converteuse no debuxante máis valorado de Sudamérica.

-E a pesares diso, en Ferrol é un completo descoñecido.

-En Ferrol é un descoñecido, pero é que en Arxentina, onde tivo moita sona, hoxe en día tamén está esquecido. Por iso facemos esta exposición, para recuperar a súa memoria. Gracias a colaboración do Museo do Humor de Bos Aires, na mostra pódense ver 51 caricaturas de Alonso, entre elas unha do aviador ferrolán Ramón Franco e outra do escritor nicaragüense Rubén Darío.