Exposición aberta

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL CIUDAD

10 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera sitio é bo para acoller artes creativas, calquera momento pode ser acaido para gozar dalgunha expresión artística. Hai formas máis rituais de aprecialas, coma visitar un museo, percorrer unha gran sa de exposicións, sentarse na butaca dun teatro para ver unha obra ou danza ou asistir nun auditorio a escoitar un bo programa. Incluso un concerto de rock nun estadio de fútbol ou un monologuista nun pub comparten unha certa ritualidade no desenvolvemento do espectáculo, cuns canons que o público coñece e respecta cando deambula vendo obras gráficas ou aplaude no intre oportuno.

Estas instalacións permanentes, están a ser afortunadamente usadas con máis frecuencia no último ano, nunha programación moi de agradecer aos promotores públicos e privados (bravo á Sociedad Filarmónica Ferrolana por traer uns luxos de concertos e a Sargadelos por manter a súa traxectoria), permitindo aos ribeiregos de Ferrol aproveitar unha boa oferta sen desprazarse da contorna.

Pero é moi interesante a progresión de eventos artísticos, principalmente fotografía, pintura e pequena escultura en locais inéditos ata agora. Locais de hostalería varios penduran obras nas súas paredes, permitindo aprecialas entre aromas de café ou chocolate, comercios adican parte das súas paredes e asociacións con soleira en Ferrol coma o Ateneo Ferrolán ou a Sociedade Galega de Historia Natural xa forman parte dun circuíto con visos de ir a máis. As rúas e prazas tamén son asaltadas pola Poesía Salvaxe, o conxunto das Meninas e, esta semana pasada, por propostas teatrais que abandonaron os escenarios ao uso. Pálpanse nestes aires primaverais de calor e fresco ansias de traer novos xeitos. Veñan.