Vocación de «killers»

JORGE DEZA OPINIÓN DE FONDO

FERROL CIUDAD

25 may 2016 . Actualizado a las 21:52 h.

Na historia racinguista houbo moitos dianteiros casados co gol. Acomodados aos estilos de cada época, con máis ou menos calidade na definición, no oportunismo ou na creatividade; deron esplendor aos ataques do Racing no tempo.

Pazolo non é un dianteiro calquera nesta fermosa historia. É o máximo goleador do club a día de hoxe. O Matador anotou 93 dianas en 190 partidos oficiais coa Verde. Todo en tres etapas para un referente de luxo da década dos ?90 que probou as meles da Segunda División co Leganés e non se retirou sen facelo tamén co «seu» Racing no abrente do presente século. Marcando o primeiro tanto da historia da Malata, rematando coa testa aquela tarde en Lalín baixo a neve ou facendo memorábeis parellas ?e tríos? de ataque con homes como Javi Montero, Luis Alberto, Juanito, Fran Nogueira, Tarrío ou Razov; Alejandro Mariño era pelexa garantida e fame perenne de gol cando pisaba a área. O Manuel Rivera e A Malata vibraron con el. Co seu liderado, co seu corazón.

Dotado dunha técnica de alta voltaxe, Joselu sucede no tempo ao de Cangas (Mario Bermejo ou Manu Barreiro polo medio). Chamado a ser a artillería do rexurdir verde con 38 goles en 84 partidos oficiais, anota con refinamento, con xestos co balón que o consagran. Inventa espazos e impón físico con elegancia. Nel e en Pazolo xúntanse academia e pundonor, talento e rol.

Ao de Ribeira tócalle liderar a resolución da empresa do día 29. É a misión dos heroes das áreas, dos reis dos cromos. Conducir a historia polos vieiros que marcan época. Labor de homes que son prestixio acumulado para o club.