Dance vostede

Roberto Taboada

FERROL CIUDAD

<span lang= gl >Dúas danzantes na Casa do Patín, en Esteiro</span>
Dúas danzantes na Casa do Patín, en Esteiro .< / span> José Pardo

Rúas e edificios públicos de Ferrol acolleron a celebración do Día da Danza

02 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende 1982 a UNESCO marcou na axenda mundial o 29 de abril -natalicio de Jean-Georges Noverre (1727-1810), bailarín e profesor de ballet, modernizador do xénero- como o Día da Danza, a instancias do Consello Internacional da Danza. Dende ese ano, a institución propón celebralo sacando o feito dancístico do seu lugar habitual de práctica (escolas, academias, teatros e auditorios) e levalo ao encontro coa cidadanía, achegándoo aos lugares de convivencia das persoas, na procura da atención, por riba de todo, do non?público da disciplina.

Atendendo a estas premisas, o pasado venres -29 de abril- o Concello de Ferrol organizou a festividade cunha batería de actividades que cubriron de danza gran parte da cidade. Danza a Domicilio, que atendeu ás peticións dos colexios: Cruceiro de Canido, Juan de Lángara, Masdías, Recimil e San Rosendo; da Escola de Idiomas e da Universidade, onde as bailarinas, ademais de danzar en xardíns e rúas, encheron de movemento -para sorpresa e incredulidade do alumnado- o aulario, a cafetería e a Casa do Patín. Danza no Bus, unha acción non falta de risco, que incorporou coma usuarias a dúas bailarinas que desenvolveron os seu bailes dende Ferrol ata Neda -liña 1-2 dos autobuses urbanos- vertebrando aos tres municipios do traxecto e estendendo a conmemoración máis alá do término municipal de Ferrol. Danza na Rúa, itinerarios danzados dende a Magdalena ao Inferniño, pasando por Ferrol Vello, Canido e Esteiro, agasallando baile aos/as viandantes Rematouse a xornada cunha clase aberta na Praza de Amboaxe para as familias, que participaron moi activamente.

Para desenvolver tamaña empresa, o Concello convidou a sete profesionais: cinco bailarinas; de Cuba e residentes en Galicia, Kirenia Martínez e Beatriz Pérez, formadas na disciplina no seu país e as galegas, Andrea Quintana, multifuncional intérprete formada en Belas Artes e bailarina para formacións como Daniel Abreu, Carmen Werner, etc..., Rut Balbís, creadora e fundadora da Cía. Pisando Ovos, licenciada en deporte e formada en danza contemporánea en Londres e Cristina Montero, bailarina e docente de Ferrol, impulsora do proxecto conmemorativo; un bailarín, Armando Marten, cubano do ano 63 e profesor no Conservatorio Profesional de Danza de A Coruña.

Completando o elenco unha performer ferrolana -Cristina Moreira- activista escénica que percorreu as rúas bailando e cantando.

Xuntas comezaron o seu percorrido danzado no consistorio, os seus corpos en movemento ocuparon corredores, escaleiras e ata despachos -non se libraron nin os grupos municipais- todo nun ambiente moi festivo.

As bailarinas e o bailarín tamén demostraron que se pode bailar a cidade, ocupar o espazo e transformalo e, imprescindible, non deixar a ninguén indiferente e provocar ata risas -nerviosas e alegres- a moitas persoas. A cidadanía -a comunidade escolar especialmente, desbordou emocional e fisicamente a Armando Marten, foi el quen percorreu os colexios- agradeceu con moitos xestos cariñosos a xenerosidade das intérpretes, que defenderon cada unha das súas actuacións cunha gran cantidade de recursos adaptados a cada espazo e circunstancia.

Cantaba Radio Futura en 1982, ?Dance Usted... Primero, olvide el miedo y luego, mueva un dedo muy despacio?. O concello de Ferrol parece que está nesas; xa perdeu o medo e está a mover un dedo, xa que esta celebración forma parte dun programa máis completo vinculado á actividade das artes do movemento.

Comezouse a bailar en familia -Baile de Doce- e vaise a seguir con obradoiros infantís, espectáculos de danza no Teatro Jofre e un festival para espazos non habituais.

Voltando a Radio Futura, en Dance Vostede, ?No pierda una sola ocasión, use el cuerpo en otra dimensión?.