O globo de Betanzos

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

06 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai moitas expresións para dicir velocidade. «A todo Filispín» é de Ferrol, de cando había veciños ingleses, e paréceme magnífica. «A fume de carozo» non lle queda moi atrás. Para describir a lentitude e prudencia hainas tamén boas, por exemplo «amodo». Un bar na estrada de Valdoviño anunciase así. En francés din «doucemente». Cómo son estes franceses... Dentro de pouco diremos «coma o tren de Ferrol». Nun bar falaban dun político que saira con moitos azos e bríos, pero despois acougou, seguramente freado polas realidades: «Saleu coma o globo de Betanzos».

O alcalde de Ferrol dixo nos comezos algo de que non viña de xestor. Pensaba colleitar aplausos. Agora semella que se volveu prudente e comprensivo, mesmo cos que sabe que non lles vai dar aloumiños ni por suposto favores. A política é unha arte de equilibrios xustos. Pero hai xente que vive precisamente dos desequilibrios. Instalados na economía vantaxista non aceptan que as cousas vaian polo rego. O alcalde de Ferrol, penso eu, mira todos os días o rego e coida que a auga discorra por el coa fluidez xusta que se espera.

Seguramente remataremos por asinar o convenio con Defensa tal como quedou debuxado polo anterior goberno do PP. Buscarán algún matiz, algunhas palabras para que pareza novo e inédito. Ou recoñecerán que tampouco era tan «infumable» como se dicía por algunha parroquia. Os que non fumamos non entendemos ben a palabra «infumable». Pero o de «coma o globo de Betanzos» si que está clariño.