Sangría demográfica onde máis doe

Ramón Yáñez FERROL

FERROL CIUDAD

CÉSAR TOIMIL

Menos nenos e menos persoas en idade activa e reproductiva lastran o futuro desta comarca

01 feb 2016 . Actualizado a las 11:31 h.

Hai días acudín a un emotivo acto na Escola de Limodre, miña aldea natal. Tratábase de lembrar e honrar aos impulsores da primeira escola pública dende a Sociedad de Instrucción Hijos de Limodre e ás suas mestras e mestres. A portavoz da directiva puxo en valor o esforzo das veciñas e veciños, convencidos da ineludíbel necesidade da creación dunha escola da que a miña aldea carecía naquela altura do ano 1925, porque no censo de poboación, dun total de 450 veciños había 70 (un 16 %) en idade escolar. Fíxose co esforzo de todos, nomeadamente dos limodreses emigrados na Habana, unha magnífica escola que segue en bo estado de conservación e alberga aínda agora á sociedade de veciños.

Cando ouvía estes datos viñéronme ao maxín imaxes da miña infancia, nos anos cincuenta do pasado século. Non coñezo os padróns daquela altura, pero coido que a situación demográfica había ser moi parecida á do ano 1925. Unha aldea viva, chea de nenas e nenos e unha escola coas súa aulas completas. Non era unha situación especial. Acontecía o mesmo en todas as aldeas e vilas de Ferrolterra e, loxicamente, na súa capital, Ferrol.

Proxección

Se fixeramos unha comparación entre estes datos e os que nos proporcionan o Instituto Galego de Estatística (IGE) que se recollen no gráfico adxunto é doado comprobar a caída da poboación en idade escolar. Fronte ao 16% que representaban en 1925 na escola de Limodre chaman a atención os datos de Ferrolterra en 2015 (11%) e os previstos pra 2025 (10%). A mala situación demográfica da nosa comarca podemos resumila por medio de dúas características desacougantes, perda de poboación e un proceso de envellecemento acelerado.

A perda prevista de poboación para o período 2015-2024 será de 14.490 persoas, un 7,5% da poboación de 2015. Son salientábeis as perdas nos grupos de 0 a 14 anos. 3.515 persoas (-16,2%) e de 15 a 64 anos, 14.124 persoas (-11,4%). Por outra banda, chama a atención o incremento nos grupos de idade superior a 65 anos, 3.149 habitantes (+6,3%). En conclusión, acelerada perda de poboación, menos nenas e nenos en idade escolar, menos homes e mulleres en idade activa e reprodutiva e máis persoas maiores. Unha negativa evolución, moito máis intensa que a do conxunto de Galicia.

As causas en Ferrolterra

É certo que toda Galicia ven padecendo un problema demográfico imputábel a múltiples factores: crise económica, precariedade e inestabilidade laboral, dificultades para conseguir empregos que permitan ter fillos ás parellas xoves, falla dunha rede de garderías públicas que permita ás mulleres conciliar vida laboral e familiar e outras. Pero, estes son problemas transversais que atinxen a toda a sociedade galega. De ter unha dinámica demográfica consonte coa galega a caída de poboación en Ferrolterra debería ser dun 4,5% para o período 2015-2024, pero aquí é dun 7,5%, un 70% maior. Cal é a causa, a especificidade que pode explicar o devalo demográfico ferrolterrán?

Creo que todos os lectores poden intuílos pero non ven mal refrescarlle a memoria aos que mandan. Ferrolterra está illada.Carece de infraestruturas propias do século XXI. O problema non é só a conexión da estación ferrolá co porto exterior, senón tamén a conexión da súa área cunha rede moderna de camiños de ferro que conecten o hinterland ferrolán coa rede de camiños de ferro do estado e a modernización da rede de ferrocarrís de vía estreita pra a conexión cantábrica. Redes capaces para transportar mercadorías e persoas que sacarían a Ferrol da súa posición marxinal, convertendo a cidade nun nó de comunicacións.

Continuos fracasos

Despois dos continuados fracasos dos programas de reindustrialización está claro que o futuro da nosa área depende fundamentalmente do sector marítimo naval. As actividades loxísticas portuarias e o sector da construción naval. Pois ben, o sector naval sobrevive, ou mellor dito, malvive dende hai trinta anos en permanente crise. Os estaleiros da ría sen carga real de traballo nin no eido militar nin no civil, con cadros de persoal avellentados, sen incorporación de xente nova e carentes de todo grao de autonomía, totalmente dependentes das decisións de xestores ineficaces en Madrid. Un sector naval que foi quén de competir no pasado a nivel mundial en innovación tanto nas plantas de Ferrol como de Fene e que se ve rebaixado na súa cualificación, competindo en prezos na construción de petroleiros, reconvertida en empresa subcontratista. Un sector ao que se lle están a negar infraestruturas básicas, como á construción dun novo dique seco de grandes dimensións, vital para garantir a posición competitiva no futuro da área de carenas.

Innovación e deseño

Un sector que está demandando medidas urxentes. Para empezar, a dotación de cadros de persoal rexuvenecidos, preparando soldadores armadores, tubeiros, etc. coa máxima cualificación e incorporando tamén enxeñeiros xovéns na área técnica, especializados nos novos sistemas de deseño, fabricación e control, por medio dun programa especifico de formación deseñado entre Navantia e as escolas de enxeñaría da Universidade da Coruña. Sería un primeiro paso no bo camiño para podermos competir en innovación e deseño, concorrer en diferenciación, escapando da endiañada situación na que nos teñen metidos os xestores actuais de Navantia, a concorrencia en prezos, que a medio prazo so ten un final, o de equipar os salarios aos dos chineses.

Se os que mandan tiveran a visión estratéxica da que carecen a comarca de Ferrolterra tería outra volta un futuro esperanzador. Como dicía na viñeta de Castelao o avó ao seu neto «Se os gobernos quixeran as sardiñas volverían» e, digo eu, Ferrolterra toda encheríase outra volta de vida. Soñar non custa cartos pero, desgrazadamente, os soños soños son.

análisis olladas ao futuro de ferrolterra

A perda de poboación prevista para o periodo

2015-2024 será de 14.490 persoas

A maior reducción porcentual será no grupo entre 0 e 14 anos, según as proxeccións