Edu

Eva Martínez Montero TRIBUNA ABERTA

FERROL CIUDAD

30 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivo nun barrio que se chama Canido. Un barrio ao que costa chegar dende o centro por esas rúas tan empinadas pero do que, disque, unha vez que estás nel, non queres marchar. E iso é o que parece que lle ocorreu ao artista local Eduardo Hermida e o que semella nos está pasando a moitas e moitos grazas ao gran traballo que persoas coma el están desenvolvendo dende hai uns anos. Eduardo, ao que chamamos Edu as persoas que o aprezamos, ama Canido con todo ese corazón, que aínda que un pouquiño danado, conserva e irradia unha forza incrible para seguir creando, desenvolvendo proxectos e iniciativas culturais e ensinando o que sabe aos seus alumnos e alumnas dese estudo no que agora traballa na rúa Alegre. E foi Edu, xunto cunha serie de artistas comprometidos con este barrio e coa cidade, o que está a convertir as rúas e edificios de Canido -moitos deles en estado de auténtica ruina- nun museo pictórico de acceso libre e ao aire libre. Foi Edu o que, dun xeito xeneroso e cunha perspectiva progresista e revindicativa, sacou a arte ás rúas como ferramenta de protesta polo lamentable estado no que se atopaba o barrio, o seu, pero tamén foi o que deu un pulo turístico e económico a esta zona de Ferrol, case que abandonada durante décadas.

As Meninas de Canido nas súas infinitas versións -como poderían ser As gaitas de Canido, os canguros de Canido ou calquer outro protagonista dun cadro, persoa, animal ou cousa do mundo levados ao barrio- se teñen convertido nun referente non so a nivel local, senón que a iniciativa, na que o urbanismo, a cultura, e mesmo o turismo danse a man, traspasou as nosas fronteiras e está sendo recoñecida incluso a nivel internacional. Canido, grazas en boa medida a Edu -porque un Urban que o goberno local saínte xestionou tarde, mal e a rastro semella que non está a resolver moitos dos problemas do barrio-, perde esa tristura que a caracterizaba e recupera pouco a pouco iso que dicía a canción: Es en Canido donde reina la alegría, es en Canido donde reina el buen humor? Por todo o que fixeches e por todo o que sei que tes pensado facer, grazas.