«Somos máis ben o partido do si»

FERROL CIUDAD

Iván Rivas no baluarte de Canido, o barrio onde vive, e coa ría que defende ao fondo.
Iván Rivas no baluarte de Canido, o barrio onde vive, e coa ría que defende ao fondo. josé pardo< / span>

O actual voceiro municipal do BNG di que sería un «desastre» manter a dinámica da cidade

13 may 2015 . Actualizado a las 18:06 h.

Opta á alcaldía por vez primeira despois de tres anos como voceiro do grupo nacionalista en Ferrol. Iván Rivas Rico faino co obxectivo de revertir o declive de poboación e de emprego da cidade. E disposto a plantarlle cara ás políticas impostas desde a Administración central.

-¿Que aprendeu neste tempo na corporación ferrolá?

-Que contar cun goberno municipal capaz de defender e de recuperar a dignidade desta cidade para enfrontarse ás decisións que a administración estatal impón é fundamental. É fundamental cambiar o deseño político para o sector naval, que Defensa pague pola ocupación de máis do 20 % do solo urbano; que as edificacións desafectadas as entregue á veciñanza; é fundamental desenvolver infraestruturas ferroviarias básicas e un saneamento esixindo que o Estado pague algo da súa competencia, que limpe os fondos da ría e elimine barreiras artificiais como o porto carboeiro para permitir unha rexeneración natural.

-¿Onde ve ao BNG de Ferrol ao día seguinte das eleccións?

-No mesmo lugar que antes do 25: a carón dos veciños e de todos os conflictos que existen e que existirán nesta cidade.

-Eu ía por outro lado. A enquisa de Sondaxe deixa ao Bloque ao borde do 5 % dos votos, o mínimo para ter representación...

-O problema das enquisas é que condicionan o voto.

-¿Quedarse nun só concelleiro sería un desastre?

-O desastre é continuar na mesma dinámica nunha cidade na que se perderon 3.500 habitantes nos últimos cinco anos e na que traballa unha de cada tres. Iso si que é un desastre.

-¿Que fallou no BNG para pasar de ter o goberno a que agora teña dous concelleiros e que poda baixar máis o 24-M?

-A candidatura do BNG que se presenta é a única na que non existe nin un só candidato que formara parte de gobernos municipais anteriores. O obxectivo de todos nós é saber cómo encarar o futuro dunha cidade que é crítico pero que cren que ten futuro se pensamos por nós mesmos e asumimos esa responsabilidade. Non vai vir ninguén de fóra a resolver os nosos problemas.

-¿É o BNG o partido do non?

-Eu creo que as nosas propostas explican que somos máis ben o partido do si. Somos a organización política co programa eleitoral máis concreto e máis positivo das alternativas que se presentan.

-¿Por que os ferroláns teñen que votar ao Bloque?

-É obvio: o BNG é o que ofrece unha alternativa na que as decisións se toman en función dos intereses dos veciños e non en función dos intereses de Madrid.

-¿Prexudicará a irrupción de novas forzas?

-Máis aló do resultado eleitoral, o que me interesa é a capacidade que teñamos de condicionar e transformar á cidade xunto aos veciños a partir do 24.

DNI

Naceu en A Pontenova ?(Lugo) en 1976, aínda que aos tres anos mudouse a Ferrol. É arquitecto, profesión que exerce na actualidade, e reside no barrio de Canido. É afeccionado aos deportes.

Foi o número 3 nas municipais de 2011, e entrou na corporación ferrolá en xaneiro do 2012, trala renuncia de Xoán Xosé Pita, converténdose tamén en voceiro.