José Couso

Siro
Siro FERROL

FERROL CIUDAD

El periodista Jordi Évole es el ganador del premio que lleva el nombre del cámara ferrolano

10 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O xoves, día 7, fallouse a undécima edición do «Premio Couso de Liberdade de expresión», creado por iniciativa de Luis Mera, e convocado polo Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia. Como todos os anos, calquera dos candidatos era merecedor do premio, pero os socios das dúas entidades decidimos cos nosos votos que o gañador fose o xornalista Jordi Évole, produtor, director e presentador do programa televisivo «Salvados», co que obtivo outros importantes galardóns. Sen embargo, coido que con ningún se sentirá tan honrado o xornalista catalán como con este, que recoñece o seu compromiso coa liberdade de información.

A liberdade de información está condicionada en todas partes, mesmo en tempos de paz. Non gusta nin cando se fai en clave de humor, e se a información vai de feitos bélicos, menos aínda.

O 25 de novembro de 1905 a revista satírica catalana Cu-cut publicou unha viñeta do debuxante Joan Junceda, na que un civil e un militar vestido de húsar, observan a xente que entra a celebrar cun banquete a victoria da Lliga Regionalista nas eleccións municipais, e dialogan:

-¿Qué se celebra aquí, que hay tanta gente? Pregunta o militar.

-El Banquete de la Victoria. Responde o civil; e o militar comenta:

-¿De la victoria? Ah, vaya, serán paisanos.

O chiste semella inocente, pero a perda de Cuba e Filipinas, a derrota da flota española ante a dos EEUU, estaba na memoria dos militares; e, aínda que ninguén podería responsabilizalos, porque houbo comportamentos heroicos de todos coñecidos, reaxiron violentamente e un grupo de cen asaltou a redacción de Cu-cut como o farían os bárbaros de Atila. O peor foi que para evitar máis comentarios de prensa «antimilitaristas», as Cortes aprobaron a chamada «Ley de Jurisdicciones», que pasaba o enxuizamento dos delitos «contra a patria ou o exército» á xustiza militar. A lei estivo vixente ata a Segunda República, cando a derogou Azaña; pero volveu no Franquismo.

Nas guerras de hoxe a prevención dos mandos militares contra os medios de comunicación é moitísimo maior, porque as guerras de hoxe -chamadas, non sei por que, «asimétricas»- non teñen nada de heroicas. Hoxe as guerras non se gañan enfrontándose os exércitos dos países en contenda, porque se fan contra a poboación civil e gaña quen causa a maior masacre. E eso é o que ven e contan os xornalistas e o que mostran as cámaras dos corresponsais de guerra como José Couso. Por eso os militares americanos que conducían o carro de combate e xiraron o canón para apuntar ao hotel Palestina en Bagdad, aquel 8 de abril de 2003, sabían o que facían: disparaban a outros inimigos; aos reporteiros que, en nome da liberdade de expresión, contaban ao mundo as atrocidades das guerras.

José Couso nacera en Ferrol, como os irmáns Sabela, Javier, Bárbara e David. Como a nai, Maribel Permuy «a da librería Luma», a voz do grupo «Los cinco platinos», de Antonio Ruibal. O pai, José Manuel Couso, era lugués de Xudán, parroquia de A Pontenova; pero ao facerse mariño veu a Ferrol e en Ferrol viviu a familia Couso Permuy ata que, por motivos profesionais, marcharon a Madrid. Cando os compañeiros levaban a José Couso, moribundo, ao hospital, pediulles que lle mantivesen a cabeza alta. Levar a cabeza alta é unha actitude irrenunciable na familia Couso Permuy. Véndoos é imposible non sentirnos sensibilizados pola súa exemplaridade. É como se a firmeza e a valentía do seu andar sacralizasen un camiño que as persoas de ben precisamos seguir. O Club de Prensa de Ferrol e o Colexio de Xornalistas de Galicia levamos once anos tentando facelo e perseveraremos para dicir ao mundo que os desalmados que lle roubaron a vida e os políticos e xuíces que, como novos Pilatos, miran a outro lado, fixérono inmortal, convertérono nun símbolo e sempre haberá xornalistas que conquisten a súa liberdade de expresión, como o premiado e os finalistas deste ano no Premio Couso. Grazas e noraboa a todos.

siro@siroartista.com