Universidade: formación e desenvolvemento

Araceli Torres DESDE O CAMPUS

FERROL CIUDAD

03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mércores inaugurouse na Fundación Barrié a exposición 25 anos de UDC. A Universidade na Coruña e Ferrol. Esta exposición que poderemos ver en Ferrol no mes de setembro forma parte das actividades programadas para festexar o 25 aniversario da Universidade da Coruña. Ao longo deste curso e baixo o lema: Universidade Pública Posible, tentamos reflexionar de onde vimos, onde estamos e onde imos. E queremos facelo dende dentro da universidade, involucrando á sociedade e con axuda de analistas expertos, como foi o caso do último conferenciante que nos visitou, o profesor Boaventura de Sousa Santos, director do Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra a quen tivemos o privilexio de escoitar no seu relatorio As epistemoloxías do Sur e a Universidade do futuro.

Foron moitas as ideas que transmitiu pero voume quedar cunha que formulo como interrogante: O valor do coñecemento é a día de hoxe o valor de mercado dese coñecemento?. Non é trivial a pregunta porque se así fose nas universidades soamente terían que formarse aqueles profesionais que demanda o mercado e polo tanto o acceso os estudos universitarios estaría supeditado as súas cambiantes necesidades. Pero é ese o papel que deben xogar as universidades públicas? Na miña opinión rotundamente non.

As Universidades ademais de formar profesionais competentes deben ser transmisoras do saber e do coñecemento e formar cidadáns críticos e responsables. As Universidades públicas son instrumentos fundamentais para o ascenso social das persoas cara a conseguir sociedades máis igualitarias. E aínda que recoñezo a necesidade de organizar e optimizar o sistema universitario, non soamente se debe facer utilizando criterios mercantilistas.

Corresponde ás Universidades xogar un importante papel no desenvolvemento, por suposto económico, pero tamén social e cultural do seu entorno. Iso é o que queremos para o campus de Ferrol, un campus que sexa quén de aportar coñecementos que permitan a mellora do tecido empresarial da nosa comarca e do benestar da sociedade, mais tamén que forme persoas capaces de imaxinar e de loitar por un mundo mellor.