Ferrol e a cultura

POR SIRO FERROL

FERROL CIUDAD

siro

03 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos dous últimos artigos falei do Marqués de Amboaxe e de Federico Howard Shaw para desmentir a condición de negreiro do filántropo, e contar algunhas curiosidades do gran impulsor do Instituto Nacional de Previsión. Outros ferroláns merecen ser recordados, e de facelo encárganse os nosos historiadores en artigos e libros, aos que eu nada podo aportar; pero a súa lectura lévame a comparar o ambiente cultural do Ferrol dos nosos días co dos primeiros anos do século XX, e, como neste 2015 se cumpren catro da edición da segunda parte do Quixote, fago meu o discurso do cabaleiro tolo e digo: -Dichosa edad y siglos dichosos aquellos a quienes los antiguos pusieron el nombre de dorados?

Dígoo porque en 1905, para conmemorar o terceiro centenario da publicación da primeira parte do Quixote, o Ateneo Ferrolano, presidido por Andrés Comerma, arranxou un ciclo de conferencias de Alfredo de la Iglesia, Aurelio Ribalta, Federico Landrove, Ricardo Neira e Rodrigo Sanz, recolleitas, con outros textos breves, nunha publicación impresa en El Correo Gallego. E cando, en 1917, se crearon en Ferrol as Irmandades da Fala -movemento cultural que buscaba normalizar o uso do idioma galego a todos os niveis e convertelo, de novo, en lingua literaria-, as mesmas persoas que homenaxearan a Cervantes, acolleron a Antón Vilar Ponte e Manuel Lugrís Freire, delegados das Irmandades da Fala na Coruña, e acompañáronos no mitin celebrado no salón de actos dos Mercedarios.

Naquel ambiente cultural, Xaime Quintanilla, Xoán García Niebla, Euxenio Charlón, Francisco Cabo Pastor, Seoane Pampín, Manuel Comellas, Emiliano Balás? Facían compatible a arela de dignificar o idioma galego co recoñecemento dos grandes autores españoles.

Que eu saiba, no 2005 non se fixo nada en Ferrol para conmemorar o cuarto centenario da edición da primeira parte do Quixote, e só a presentación do meu libro O humor de Cervantes no Quixote na galería Sargadelos, nun acto organizado polo Club de Prensa, recordou o acontecemento. Non creo errar se digo que o meu foi o único libro editado aquel ano en Galicia sobre Cervantes e a obra que aportou á literatura universal a creación da novela e a invención do humorismo; unha nova forma de narrar e tamén un novo xénero do humor, dirixido á intelixencia e ao sentimento do lector; non para facer rir, senón surrir e conmover. Sabela a pescadeira, Bieito o emigrante, dona Micaela, o negro Panchito e tantos outros personaxes literarios de Castelao son fillos de don Quixote ou de Sancho. Ningún autor español está máis perto de Cervantes que o noso Castelao cando escrebe, en galego, Cousas e Retrincos.

O sectarismo cultural converteu a un xenio como Valle Inclán en estranxeiro na propia terra, malia a defensa que del e da galeguidade da súa obra fixera Castelao; do meritísimo labor dos museos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa; e das boísimas revistas Cuadrante, da Asociación de amigos de Valle Inclán, e Bradomín, dirixida por Pepe Ponte Far con Eva Ocampo en responsabilidaes de edición.

Sectarismos cultural e político levaron á conselleira de Cultura co Goberno Bipartito a retirar a subvención á Fundación Wenceslao Fernández Flórez, de Cambre. Ademais de escribir en español, Fernández Flórez era franquista. ¿Como ser do bando republicano despois que os incontrolados de Madrid tentasen pasealo, de refuxiarse na embaixada de Holanda, fuxir a Valencia e chegar a Portugal coa axuda dun amigo socialista? Nas mellores obras, Fernánde Flórez manifestárase anticapitalista, antimilitarista, agnóstico e anticlerical. Tampouco o franquismo o tivo por un dos seus.

Importa moito saber ler entre liñas. Pinochet sabía e non quixo o Quixote nas bibliotecas de Chile porque viu nel un alegato da resistencia pasiva. Tiña razón; pero ese é tema para unha próxima conferencia en eloxio de Cervantes.

siro@siroartista.com