«O espello tamén deforma»

Bea Abelairas
Bea Abelairas FERROL

FERROL CIUDAD

Xaquín Marín, frente al espejo
Xaquín Marín, frente al espejo JOSÉ PARDO

O debuxante recorda as viaxes dunha hora en lancha desde Perlío ata Ferrol

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xaquín Marín non pasa case nunca por Ferrol: «Desde que cambiaron a praza de España perdeuse a perspectiva e, ademais, non se pode ir: chegas no coche a Ferrol e tes que volver saír do municipio para aparcar» Ironiza con esta idea, pero tamén recorda o Ferrol da súa nenez. En concreto as viaxes que facía de tarde en tarde coa súa nai: había tres formas de chegar: en coche, en tren e en lancha. «Sempre iamos por mar, supoño que porque era máis barato. Tardábase unha hora ou máis, pero o mellor era que me compraban cómics o chegar, os que se podía co soldo pequeno do meu pai, que era mestre».

Marín naceu en Ferrol, pero sempre se recorda vivindo en Fene, un lugar que coñeceu cando tiña costumes de aldea: «Recordo estar xogando no medio da carrerera coa pelota e parar cando sentiamos ruído dos coches, era unha aldea na que o único son forte que se escoitaba era o de Astano, hoxe ese é o que nunca se oe», laméntase este artista de 71 anos que non ten intención de gardar os lápises.

Cada día érguese e sae correndo a pasear, a tomar os aires de Fene ou da súa casa de Extremadura, perto de Andalucía case. «Despois póñome a almorzar, ducharme e a traballar, pero o paseo non o perdono», conta entre risos. Medio ano na calor do sur e outro medio ano en Fene. «Non sabería dicir qué me gusta máis, cando estou no piso boto de menos a casa e na casa o piso», así resume unha existencia na que nunca faltan os debuxos.

Para aqueles que imaxinen a Marín creando con música de fondo, que saiban que case sempre perfila as viñetas que cada día publica La Voz cunha película de fondo, se é de acción ou de vaqueiros mellor que mellor. «Esas non me despistan e podo seguir a trama e o traballo sen problemas».

O cine pode entretelo moito, pero non hai nada que encha máis a súa vida que debuxar e pintar. «Non recordo cando empecei, pero xa o facía na pizarra que tiña de cativo».

Ante o espello Marín saca outras das súas mellores armas: o humor e a sorna. «Cando me miro vexo a un señor decrépito que aguanta o tipo para parecer menos decrépito», confesa rotundo. Tamén xoga a deformar a súa figura e explica por que: «O espello tamén deforma; a xente que gosta de mirarse moito debería telo en conta, porque non sempre o que ven é o que é».