As Meninas de Canido

Por Siro FERROL

FERROL CIUDAD

29 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Picasso tiraba ao chan os pinceis, desesperado, mentres berraba: -¡Nunca poderei pintar como Velázquez!

Nin el, nin ninguén. O lenzo das Meninas é recoñecido como a creación suprema da pintura e Diego Velázquez Joao Rodrigues da Silva como o pintor dos pintores. Sen embargo Velázquez, como Cervantes, tivo que ser descuberto por estranxeiros. A Cervantes descubrírono os románticos ingleses e alemáns; a Velázquez os impresionistas franceses, que viron nel un precursor. E foi Manet quen primeiro o considerou o máis grande pintor que existiu.

Porén, a presidenta da Asociación de Veciños de Canido anoxa ver as casas do barrio pintadas con diferentes versións do famosísimo lenzo, e un dos motivos é que Velázquez foi o pintor do rei do estado español. Foino, si, aos 24 anos, porque Felipe IV -catro máis novo ca el e inepto en case todo- entendía de pintura, e nomeouno. E catro anos despois fíxoo pintor de cámara, o cargo máis importante entre os pintores da corte, para que pintase os retratos da familia real e os cadros destinados a a decorar as súas mansións.

Pero Velázquez -de quen pouco sabemos pola discreción con que viviu- foi home sensible ante os inferiores, e na colección de extraordinarios retratos que pintou incluiu os dos bufóns, os chamados sabandijas de palacio. Os retratos que Velázquez fixo destes seres con minusvalías físicas ou mentais están pintados co maior esmero e con aquel algo especial que puxo ao pintar os nenos da familia real. Son retratos feitos amorosamente. Abonda reparar no lenzo titulado O príncipe Baltasar Carlos cun anano, do Museo de Belas Artes de Boston, para comprobar que o príncipe e o anano -nenos os dous- mereceron a mesma atención do pintor, e os retratos teñen a mesma dignidade. Que o de don Diego de Acedo el Primo, sexa dun bufón ou dun funcionario -cuestión que aínda se discute- carece de importancia. É o retrato dun anano extraordinariamente intelixente e culto, que mostra no rostro o drama da súa minusvalía. Velázquez tiña un escravo mourisco, Juan de Pareja, a quen fixo outro esplédido retrato e deu a liberdade, en 1650, para que exercese de pintor retratista, con éxito, polo moito que aprendera do mestre.

No lenzo das Meninas hai unha bufona, Maribárbola, anana e con deformidades faciais que Velázquez mostra atenuadas; e a carón dela, pisando o can, o anano bufón identificado como Nicolasito Pertusato, erróneamente na miña opinión.

O cadro recibe o nome de As meninas polas dúas rapazas que acompañan á infanta Margarita: a galega de Ponteareas María Agustina Sarmiento de Sotomayor, que lle ofrece auga nun búcaro; e Isabel de Velasco, inclinada tamén, en procura da simetría no lenzo, salientando así a verticalidade da infanta. Todos os outros personaxes, sabiamente dispostos, axudan a crear perspectiva e ambiente na pintura, converténdoa na mellor obra de Velázquez.

Por estas e moitas outras razóns penso que escolleu ben Eduardo Hermida, o lenzo de referencia para os pintores que acudimos ao barrio de Canido a decorar as fachadas das casas con variacións sobre un mesmo tema. ¿Que obra máis suxerente, con máis posibilidades de inspiración, que As Meninas? ¿Que pintor máis merecente da homenaxe dos artistas galegos que o inigualable Velázquez?

Picasso recolleu os pinceis do chan e pintou moitas outras Meninas, ao seu xeito. Estou certo de que se Velázquez puidese velas, pasmaría primeiro, e aplaudiríaas despois. Por eso a miña primeira aportación ás Meninas de Canido foi a das caricaturas de Velázquez e Picasso, ante cadanseu lenzo, ollando, curiosos e perplexos, a obra do outro. É unha dobre homenaxe a Velázquez e a Picasso; en definitiva, unha homenaxe á arte e ao xenio. Habería outras opcións válidas, pero coido que As Meninas transformaron, para ben, a fisonomía de Canido.

siro@siroartista.com