Sotomayor e Ferrol

Siro
Siro LA VOZ

FERROL CIUDAD

22 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os políticos coruñeses son quen de facer «Patrimonio da Humanidade» a sombra da Torre de Hércules, conseguir un Porto Exterior cando xa estaba en construción o de Ferrol, e converter a cidade da Coruña en lugar de culto para os curiosos da vida e obra de Picasso, porque nesta cidade viviu entre os dez e os trece anos. Fixérono ao grande o 20 de febreiro, ao presentar no Museo de Belas Artes municipal a exposición El primer Picasso. A Coruña 2015, inaugurada polos Reis, que xa tivo máis de 16.000 visitantes.

Da complexidade e do éxito da xestión realizada polo equipo do alcalde Carlos Negreira ante os museos Picasso de París, Málaga e Barcelona; a Administración española, a Casa Real e os patrocinadores, dá idea o feito de que a exposición El primer Picasso se integra no evento A Coruña 2015. 120 anos despois, declarado «Acontecimiento de Excepcional Interés Público» polo Goberno de España, con beneficios fiscais ás empresas patrocinadoras da mostra e das actividades paralelas á mesma, que foron Repsol, Gadisa, Gas Natural, Fenosa, Estrella Galicia, Vegalsa, Banco Sabadell Gallego, Obra Social «La Caixa», Luckia, Abanca e AMA.

Picasso non volveu á Coruña, onde o pai se deprimira tanto co clima, que deixou de pintar e pasou os días na casa, a carón dunha ventá, vendo chover. O mesmo Picasso escribira nun debuxo: «Ahora ha empezado también a soplar el viento, y seguirá soplando hasta que no quede nada de La Coruña». Non parece que, ao marchar, botase en falta a Coruña, pero gardou algúns dos cadriños aquí pintados e recuperou outros.

A Nicolás Badía, mugardés afincado na Coruña, tocáranlle nunha tómbola dous óleos pequeniños asinados por P. Ruiz, e como non lle gustaban colgounos na casa de veraneo en Cabanas. Alí estiveron sesenta anos ata que dous netos, vendo unha reportaxe en TV, pensaron que poderían ser de Picasso, leváronllos a París e volveron cun cadro recente, que venderon por moitois millóns. Con estes argumentos o equipo de Goberno conseguiu incluír A Coruña nas cidades de referencia de Picasso, e ofrecer un atractivo máis ao turismo.

En Ferrol temos moitos máis e máis sólidos para atraer os admiradores de Sotomayor, que non son tantos, pero si moitos e multiplicaríanse coa campaña de marketing axeitada, que, como dicía miña nai, «a xente vai onde a levan».

Fernando Álvarez de Sotomayor naceu en Ferrol, en 1875, e aínda que deixou a cidade con poucos anos, na súa dilatada traxectoria de pintor, inzada de éxitos, non deixou de exercer de galego e ferrolán. -¿Quién podrá negarme que soy gallego cuando Galicia, la mía, ha nacido en mí? Declarou en varias ocasións.

Ao Segundo Salón de Pintura Gallega, celebrado en Ferrol en 1922, enviou tres cadros, e regalou á cidade o titulado «Paisanas», que pode admirarse no Pazo Municipal. En 1953, cando decidiu despedirse oficialmente como artista, fíxoo en Ferrol, cunha gran exposición antolóxica, a última e máis completa de todas. Cun chisco de candor quixo ofrecerllela especialmente aos obreiros e á Mariña.

A cidade correspondeulle con homenaxes, poñendo unha placa na casa onde naceu e facéndoo «Fillo Predilecto». Aínda no 2004 se fixo outra antolóxica no Torrente Ballester e editouse un fermoso catálogo. Pero todo eso «pasa e nada queda», porque non ten continuidade e a actualidade devóranos. Perdeuse unha oportunidade cando a SAF convocou, en 1975, o «Premio de Pintura Álvarez de Sotomayor», que non se repetiría ao retirar Caixa Galicia a dotación económica. Dende hai catro anos convócano a Fundación Eduardo Pondal e o Concello de Ponteceso.

Falo de Sotomayor por ser o artista ferrolán con máis proxección internacional, pero a cidade está en condicións de ofrecer ao turismo cultural, cada día máis importante, unha gran pinacoteca con Jenaro Pérez Villaamil, Bello Piñeiro, Imeldo Corral, Carmelo González, Máximo Ramos? A arte e a cultura son rentabeis. Sábeo ben o alcalde da Coruña, Carlos Negreira.

siro@siroartista.com