Habitantes

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL CIUDAD

05 mar 2015 . Actualizado a las 13:01 h.

Preguntado un vendedor de zapatos sobre o número de habitantes del mundo, díxome que estaba preocupado por un soño recurrente que lle viña unha noite si e outra tamén: Soñaba que os homes se transformaban en cenpés. Non daba abasto a vender zapatiños. O ministro de facenda, con cara de fauno das fragas do Eume, levitaba de gozo cobrando IVE...

Sete mil e pico de millóns de habitantes sobre o mundo preocupa por fin ao Papa, pero non ao zapateiro: Vemos multiplicar as loitas polo espacio, pola auga, pola contaminación... ¡cómo medran os chineses, mi madriña...! Calquera día o planeta fai ¡Plaas! E finito este cane mundo. Se miramos as cousas por localidades o soño do zapateiro pasa a ser soño de alcaldes: o de Narón soña que o tren da costa vai cheiño coma un metro... ¿Cántos naroneses hai? Temos días... porque hai vasos comunicantes. Narón sobe, Ferrol baixa... No PSOE ferrolán meditan a baixa da poboación. O santo que habita cabo Prioriño nos asista... ¿De quen é a culpa de que non se queira festa? Porque que eu saiba os habitantes nacen da festa; de xuntar fluídos. Non se ve moito entusiasmo. ¡Ai, aqueles tempos de veladas e de cento cincoenta voltios de tensión! ... Había mili e mais estaba Rafael y Vicente. Non me pregunten como se facían tres, catro, cinco fillos por parella... Estamos en horario infantil. Semella que o tempo de orballo inspirou á nosa lideresa do PSOE. Ela quere un debate de primavera sobre os habitantes... ou sobre os repartidores de butano... Aos do PP pillounos ensaiando Pepitas. Aos do EU na refundación... e aos outros definindo galgos ou podencos... ¿Vale unha moción popular? Suxiro a fusión de concellos. Por decreto. Polo método do despotismo ilustrado: un só concello da ría. Cento sesenta mil habitantes tirando polo baixo... O meu soño é máis raro que o do zapateiro vendendo patucos aos cenpés.