Parecía que a familia Pokémon estaba ultimamente algo máis tranquila, pero non. Á falta dunhas horas para a chegada do lume purificador do San Xoán, a xuíza De Lara tirou de providencia e imputou ao rexedor de Ferrol e ao ex presidente da Deputación de Ourense, entre outras persoas relacionadas coa política municipal. Parecía que a macrooperación empezaba a chegar ao seu fin, pero non é así. Aínda quedan moitas cartas por xogar.
Na peza segunda, relativa ás actividades de Véndex en Galicia, está a gran chave da Pokémon. Nela conflúen varios cargos políticos de alto nivel como é o caso dos rexedores de Lugo, Ferrol e O Carballiño, e os ex de Santiago, Ourense e Boqueixón. Tamén están numerosos ex concelleiros. De norte a sur e de ideoloxía diferente, a peza segunda abanea a un bo número de políticos salpicados por datos que fan pensar a investigadores e a xuíza que algúns, se cadra, non xogaron limpo. Aínda que se trata de feitos presuntos, a primeira visión que están a ter algúns dos cidadáns, especialmente os que apoiaron co seu voto aos imputados, é a dun panorama desalentador que fai preciso poñer medidas drásticas para que as cousas muden.