Dende Fene con moito... Humor

Roberto Taboada FERROL

FENE

Ángel Manso

30 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Umberto Eco publicou en 1980 Il nome della rosa, unha fantástica novela de misterio, ambientada no século XIV, que dada a súa profundidade e múltiples lecturas posibles, precisou dunha apostillas, do propio autor, para dar explicación e pistas da xénese da obra, mas tamén innumerables lecturas críticas, unha delas, do paremiólogo Gonzalo Soto Posada que establece a intención de Eco de traspoñer a orde establecida: onde a xente de ben -Jorge de Burgos e o seu grupo- son os asasinos e destrutores e mentres, o erexe -Guillermo de Baskerville- é o iluminador da verdade. Esta loita ideolóxica xira en torno ao Segundo libro da Poética de Aristóteles, perdido na época, facendo unha defensa da Comedia, do humor e da risa.

Fene ten consagrada a súa actividade cultural á comedia, comezando por aloxar na súa Casa da Cultura o Museo do Humor e por estruturar a súa programación entorno ás distintas formas de presentar traballos escénicos de carácter cómico. O pasado outono presentáronse catro propostas, por aí pasaron Luis Zahera, Camila Bossa e Iolanda Muiños, Cándido Pazó e as Aldaolado. Agora, na primavera, a ocasión é para un novo ciclo ?Música con retranca-, a retranca, esa forma tan nosa de dicir sen dicir e por riba divertir.

Poesía

O programa iniciouse o pasado 18 de maio coa agrupación musical feminina De Vacas, un cuarteto de versións de grandes temas, «venerados polas masas e maltratados pola historia», según elas apuntan. O día 20 pasaron pola casa da cultura unhas xa habituais nas programacións do lugar, Lucía Aldao e María lado -Aldaolado-, presentando a súa poesía repleta de intencións.

O pasado venres foi a quenda de Os da ría, unha formación cómico musical formada por Arturito e Fabián (Carlos Meixide e Tomás Lijó), nados baixo o paraugas das Ultranoites da desaparecida sala Nasa de Compostela. Dende o ano 2010, a formación estase a despedir do seu público, neste tempo aínda foron quen de sacar un par de discos que recollen a súa prolixa traxectoria musical, composta dunha multitude de temas dedicados principalmente a persoeiros vinculados á política autonómica e á cultura. En Fene presentaron o seu chamado concertolo Íntimo, acompañados polo pianista Suso Pián.

Arturito e Fabián decláranse amantes de Galicia, do viño e das mulleres e desenvolven unha actividade divulgadora da lingua galega, ben, da súa propia, xa que esa é a esencialidade do seu espectáculo, a creación dun vocabulario propio, pre normativo estruturado nunha axeitada medida de arcaísmos, neoloxismos e castelanismos, recollidos das achegas de moitos neofalantes do galego na época da incipiente autonomía.

O espectáculo é «carne de bar», según din, mas as capacidades destes dous cantantes lixeiros fixo que a entrega do público asistente fora máxima, bailando, cantando e ata facendo unha conga. Unha sesión de moitas risas que culminou co seu xa popular himno galego ao ritmo de rancheira, descamisados.

Aínda queda unha oportunidade, o venres 3 de xuño, para achegarse a Fene e asistir á última sesión do ciclo ao cargo de Blanca Cendán e Suso Alonso, que conforman un moi divertido e irreverente cabaré.

Citando a Aristóteles Ëa risa é un exercicio valioso para a saúde».