E pur si muove

Xan R. Silvar EN POSITIVO

CABANAS

24 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Esen embargo, móvese. A frase que dis que dixo Galileo Galilei, seguramente en voz queda, cando a Santa Inquisición obrigouno a retractarse da súa afirmación dun Sol en movemento ao redor da Terra, e non ao revés. Sería frase desexable para describir o futuro da situación económica de Ferrolterra, tras este lustro longo de desfeita económica, de degradación do social. Sería unha boa noticia anunciar a recuperación de poboación, o retorno e a chegada de xente nova que viñera á estas terras ártabras a facer a súa vida en rúas de Ferrol, Narón, Fene Neda ou Mugardos. Ou Valdoviño ou Cabanas ou Pontedeume, en calquera das poboacións que medraron e fixeron medrar ese ente para-oficial que chamamos Ferrolterra, nun moi cunqueriano xeito de entendérmonos. Esa Ferrolterra, que pode que conteña a Selva de Esmelle -en todo caso ten ao Mago Merlín do mestre Pérez Porto- pode estar a moverse, máis lentamente do ritmo demandado por un paro abafante, pola necesidade de tanta xente, pola precariedade de tantas familias. Pode que se mova en comercios que abren, en iniciativas non sempre coñecidas, nos bos resultados económicos traídos por procesións, Equiocio, unha Fevino no fermoso marco do Auditorio, activas escolas de surf, iniciativas sociais prestixiosas, nas Meninas de Canido, incluso no soño das follas agromantes do viñedo de El Paraguas, o máis setentrional de Europa. Mais a todas estas sensacións ten que axudar o tino cidadán da elección dos aspirantes a representantes municipais, novos ou veteranos. E o empeño que elas e eles poñan para traballar en cada concello, para traballar entre os concellos na procura do noso tempo perdido, do impulso que mova Ferrolterra.