A alameda literaria das árbores celtas

ANA F. CUBA AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

O IES Castro da Uz, de As Pontes, inaugurou onte este espazo, cunha árbore asignada a cada alumno

19 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

No ies castro da uz a cada alumno asignóuselle unha das 21 especies

A aventura que iniciaron hai anos «os argalleiras das letras» do IES Castro da Uz, de As Pontes, culminou onte coa inauguración da alameda literaria das árbores celtas, un singular bosque onde medran exemplares das 21 especies sagradas dos celtas. «Comezou coma un xogo para achegar o alumnado á orixe e significado do seu nome e apelidos. Logo quixemos achegalos á nosa cultura e centrámonos na importancia que a natureza e as árbores tiñan para os celtas», explican desde o centro. E hai xa 12 anos que os rapaces plantaron as súas árbores neste recinto escolar.

Cinco daquelas árbores, danadas pola meteoroloxía adversa, foron repostas hai tres anos. O traballo seguíu e, durante o curso pasado, decidiron «identificar cada árbore co seu nome científico e popular». A tarefa estaba incompleta e ocorréuselles crear unha alameda literaria, na que cada exemplar «estivera dedicado a un escritor das nosas letras». Aquilo derivou nun intenso labor de investigación, «lembranza de lecturas, autores que os marcaron, selección do texto que lembraría o seu bo facer literario...». Ata a inauguración, onte. A abeleira leva o nome de Helena Villar Janeiro; o abeto, o de Celso Emilio Ferreiro; o álamo tocoulle a Eduardo Pondal; o amieiro, a María Mariño; o castiñeiro, a Tucho Calvo; o carballo, a Miro Villar; o ciprés, a A.D. Rodríguez Castelao; a faia, a Álvaro Cunqueiro; a maceira, a Fran Alonso; a nogueira, a Manuel Rivas; o piñeiro, a Rosalía de Castro; o pradairo, a María Lado; o tileiro, a Manuel Curros Enríquez; o cedro, a Lois Pereiro; a figueira, a Lino Braxe; o freixo, a Ramón Cabanillas; a oliveira, a Celestino Fernández de la Vega; o olmo, a Uxío Novoneyra; o salgueiro, a Eduardo Blanco Amor; a sorbeira, a Francisco Castro; e a bidueira, «aos argalleiros e argalleiras das letras» do IES Castro da Uz. De cada autor escolleron un texto, que xa forma parte deste espazo natural e mesmo literario.