Sobrepeso

Xan R. Silvar EN POSITIVO

FERROL

21 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Eran tres, duns nove ou dez anos todo o máis. Dous nenos e unha nena; eles con senllas camisetas de Messi e Ronaldo, a nena cun sinxelo vestido de punto. Viñeron camiñando de fronte, en busca dos aseos do restaurante, e ao virar amosaron os respectivos perfiles, estreitos nos ombros e amplos na cintura, anunciando o seu sobrepeso sen necesidade de báscula. Ao regreso á mesa familiar sentáronse ante pratos que calquera avoa ou nai de antes dos 90 descartaría da mesa por insáns. Para non falar dos doces que seguiron. Ricos en calorías sería dicir pouco, as racións xenerosas suxerían unha boa carga das omnipresentes graxas saturadas de palma. A dubidosa honra de estaren entre os países con maior sobrepeso infantil debería preocupar máis a familias e administracións. A rapazada edúcaselle, ben ou mal, neses primeiros anos de vida que marcan aos hábitos alimentarios e de exercicio do seu futuro. Certo é que hai criaturas que comen ben e outras coas que ser teimudo -educar non é doado- mais as batallas que se perden nesas idades apuntan a guerra perdida, a da saúde. Os colexios con comedor melloraron en menús saudables e comportamento na mesa; non semella o caso de moitas familias, nas que a comida «rápida», de sabores intensos e ingredientes perigosos para as arterias, ocupa o lugar dos saudables pratos tradicionais. Tamén ensino e familia deberían facer máis para evitar a sedentariedade: o exercicio físico pode promoverse tamén en pequenos desprazamentos, nada favorecidos nin pola forma de traballar nas aulas nin pola vida extraescolar, agás da práctica do deporte ou a danza. A combinación de boa alimentación e exercicio axudan a non converter o sobrepeso en obesidade.